O persoal de XEAL seguirá mobilizándose até coñecer o plan de viabilidade e o calendario de arranque dos fornos

Concentráronse na Casa do Concello de Cee

Cee -

Os traballadores e as traballadoras de XEAL (Ferroatlántica de Cee, Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas) continúan este venres co calendario de mobilizacións para esixir o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións e un calendario de rearranque dos fornos e investimentos que garantan a recuperación da actividade produtiva e o mantemento dos empregos. A partir de hoxe, as concentracións pasan a ser diante da Casa do Concello de Cee ás 18:00 horas.

Dende o comité lembran que o ERTE rematou o pasado 28 de febreiro e aínda que o persoal está reincorporado nos seus postos de traballo, a produción está en mínimos, dous fornos continúan sen actividade e non hai previsión de que a empresa adquira materia prima para arrancalos no curto prazo. E iso a pesar de que no mercado internacional de manganesos hai demanda deste material.

"A dirección non nos dá explicacións de por que non arrancan os fornos, segue negándose a trasladarnos o plan de viabilidade que supostamente lle presentou á Xunta e a día de hoxe non puxo nin un só euro dos investimentos millonarios comprometidos para as fábricas", advirte o comité.

A este respecto poñen a atención no deterioro e desmantelamento progresivo das factorías de Cee e Dumbría e na destrución de emprego que xa se produciu e fan un chamamento á Xunta para que exerza as súas competencias tanto en materia de industria como sobre a titularidade da concesión dos aproveitamentos hidroeléctricos.

Dende o comité salientan que non se pode entender nin consentir que Ferroatlántica e TPG-Ithaka poidan consumar, pola vía de deixar morrer as fábricas, a segregación de actividades para quedar co substancioso negocio da produción de enerxía. Unha desvinculación que impiden as cláusulas concesionais e que a xustiza avalou en varias ocasións.  E por iso, tamén reclaman coñecer os termos do contrato de compra venda entre ambas compañías, pola transcendencia que ten para o futuro das instalacións xa que condiciona a saída ao mercado do produto que se fabrica na Costa da Morte, tanto na cantidade como no prezo.

Por todo isto, o comité advirte que manterá o calendario de mobilizacións semanais mentres non existían garantías suficientes para a viabilidade das fábricas e o mantemento de todos os empregos.

Volver