• Nova

O persoal do 061 discriminado nos procesos do SERGAS porque non puntúan os cursos de prevención de Quirón

O 061 négase a buscar unha solución ou a cambiar o servizo de prevención privado por un público
Nacional - 10 Out 2022

Nos procesos de selección do SERGAS puntúan os cursos de prevención de riscos laborais. O persoal do 061, como conta cun servizo de prevención alleo, Quirón Prevención, fai con esta entidade os seus cursos. Porén o SERGAS, neses procesos, só puntúa os realizados con entidades públicas, impedindo ao persoal do 061 concorrer en igualdade de condicións respecto do resto de persoal estatutario.

O Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario, na súa disposición adicional Quinta establecía que “os procesos de integración non implicarán a novación dos sistemas de prevención polos cales tivesen optado as institucións do ámbito de aplicación deste decreto, mentres manteñan a súa personalidade xurídica propia.” Polo tanto, a  Fundación Publica Urxencias Sanitarias de Galicia 061  (F.P.U.S. 061) conta con uns Servizo de Prevención Alleo que actualmente esta contratado con Quirón Prevención.

SERGAS e 061 rexeitan pasar a un servizo de prevención público

En diferente ocasións posteriores á integración da F.P.U.S. 061, os delegados e delegadas da CIG no 061 solicitaron á dirección “abandonar o sistema de prevención e mutualidade de accidentes de traballo privado e integrarnos nos do Servizo Galego de Saúde”. Petición que sempre foi rexeitada pola Dirección do F.P.U.S. 061 e do Servizo Galego de Saúde.

Enmarcados dentro con contrato asinado con Quirón Prevención, e coa fin de cumprir coa obriga da Lei de Prevención de Riscos Laborais de formar aos traballadores e traballadoras, desde o Servizo de Recursos Humanos da F.P.U.S periodicamente ofértanse cursos de prevención de riscos laborais do catálogo de Quirón Prevención.

Porén, o Servizo Galego de Saúde, nos seus procesos  de selección e promoción profesional (OPE, Lista de selección temporal, carreira profesional, ... ), só está a valorar os cursos organizados ou impartidos por entidades públicas, “non tendo tal consideración os servizos de prevención alleos. Polo que o Servizo Galego de Saúde non puntúa nos diferentes procesos os cursos de prevención de riscos laborais de Quirón Prevención realizados polos traballadores da F.P.U.S 061”.

Negativa a buscar unha solución

A CIG-Saúde ten abordado coa Dirección do 061 este problema en diferentes ocasión, a última vez no Comité de Seguridade e Saúde de setembro, obtendo, como nas outras ocasións, unha resposta negativa a buscar calquera tipo de solución para que estes cursos puidesen ser baremables polo Servizo Galego de Saúde. “Solicitamos que a F.P.U.S. 061 figurase como organizadora dos cursos ou que validase os diplomas emitidos por Quirón, obtendo a todas as nosas proposta negativas e indicando incluso que si os traballadores do 061 queren puntos que fagan os cursos do Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)”.

Por iso denuncian a actitude da Dirección do 061 que “discrimina ao traballadores da F.P.U.S 061 fronte o resto do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde” e exixen unha inmediata solución.