O persoal do 112 concentrarase no complexo da Estrada para exixir condicións laborais dignas e un servizo 100% público
Coincidindo coa Día europeo do 112, o comité de empresa e o persoal teñen convocada unha concentración para mañá, 11 de febreiro, ás 14:30 horas, na entrada do recinto da AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) na Estrada, onde se atopa o edificio do 112 de Galiza. Con esta mobilización queren facer públicas as súas reivindicacións laborais e que se coñeza a situación de precariedade na que se atopan as persoas traballadoras deste servizo esencial na atención ás emerxencias.
Ademais, o comité quere trasladar a súa solidariedade coas compañeiras e compañeiros dos servizos do 112 de Cataluña que levan máis de dous anos en folga e que mañá realizarán unha gran manifestación en Barcelona na que participarán persoas traballadoras do 112 de diversas comunidades.
Aproveitando a data, a representación do persoal tamén fará entrega no rexistro da Xunta de Galiza da táboa reivindicativa do sector, solicitando unha reunión coas persoas máximas responsábeis do 112, que depende da Consellaría de Presidencia. Este acto realizarase tamén no resto dos 112 do Estado.
Un servizo esencial, pero privatizado e precarizado
O comité lembra que a existencia dun número único europeo para a atención ás emerxencias provén dunha directiva que se foi implementando progresivamente nos diferentes estados que integran a UE. En Galiza, este número comezou a funcionar no ano 2000. A conmemoración do 11 de febreiro pretende dar a coñecer e crear conciencia sobre a súa dispoñibilidade en toda Europa e sobre as vantaxes de contar cun número único ao que chamar en caso de sufrir calquera tipo de emerxencia (por terra, mar e aire).
Aínda que se trata dun servizo público, en Galiza, ao igual que en moitas comunidades, está privatizado. “Isto é, a Xunta, que se fai cargo de todos os gastos que xera o servizo, dálle varios millóns de euros a unha empresa de telemárketing (que nada ten que ver co traballo que se desenvolve no 112) para que esta se faga cargo de pagarlle ao persoal cos cartos públicos, ademais de levar unha substanciosa cifra por facer nada, perpetuando unha precariedade laboral que ningún representante da Xunta ten interese en mudar”, denuncia a presidenta do comité, Isabel Moares.
Subliña que o servizo do 112 está activo as 24 horas e os 7 días da semana, “é dicir, non descansa nunca, atendendo todo tipo de emerxencias, xa sexan agresións, asasinatos, violencias de xénero, accidentes, incendios, emerxencias marítimas, aéreas, ferroviarias etc., mobilizando os medios necesarios para resolvelas da maneira máis áxil e eficaz”. Por todo isto, incide, as traballadoras do 112 están sometidas a unha gran presión laboral e psicolóxica que non se ve recoñecida nin pola empresa, nin pola Xunta, nin socialmente nun servizo que polas súas características precisa de persoas con moitos anos de experiencia para garantir a súa eficacia e eficiencia.
Non obstante, esta experiencia vese comprometida pola precarización bestial das traballadoras de máis recente incorporación “que nin teñen un contrato fixo nin un salario suficiente para poder vivir del”.
Por iso, dende hai anos, o persoal vén realizando as seguintes demandas:
1.- Asistencia psicolóxica. Dentro do servizo hai unha cantidade elevada de baixas por ansiedade e depresión que tanto as persoas responsábeis da Xunta como da empresa ignoran de xeito continuado. Ademais, isto provocou que un número considerable de persoas traballadoras, mesmo con moitos anos de experiencia, abandonaran o servizo por chegar a un límite psicolóxico inasumíbel.
2.- Incremento salarial conforme ás esixencias do posto de traballo e acorde á responsabilidade non recoñecida.
3.- Protocolos de actuación axeitados ao traballo e á emerxencia á que se teña que aplicar. Neste momento, os protocolos fanse de xeito improvisado e provocados polas queixas subxectivas que poidan manifestar altos cargos políticos ou responsábeis das empresas concesionarias de certos servizos de emerxencias. “O que menos lle preocupa á Xunta é resolver as emerxencias da cidadanía, só elaborar unha carta de servizo á cidadanía que non reflexa a realidade, pero que hai que cumprir para que ninguén denuncie ao 112 aínda que non se resolva”, advirte o comité.
4.- A xestión directa e pública do servizo do 112 por parte da Xunta de Galiza, coa asunción da totalidade do cadro de persoal actual e que se recoñeza o labor esencial que realiza este colectivo dignificando as condicións laborais “como xa se debería ter feito dende un principio”.