O persoal do aeroporto de Santiago irá á folga ante a falta de solucións ao peche da cantina

Decidiron en asemblea convocar paros parciais en agosto e setembro

Santiago -

A coordinadora do comité intercentros do aeroporto "Rosalía de Castro" compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar da situación do conflito xerado polo peche da cantina do persoal, tras a reunión mantida hai uns días co director de aeroportos do Grupo II. Ante a falta de solucións por parte de AENA, a asemblea de traballadores/as acordou a convocatoria de varias xornadas de folga parcial en agosto e setembro para esixir que se manteña o servizo da cantina en condicións similares ás se veu prestando dende hai máis de 60 anos

En representación do comité intercentros, Pablo de Prado, denunciou que o director de aeroportos do Grupo II, Julián Cámara, se negou a recibir a coordinadora (que representa a todo o persoal de todas as empresas que prestan servizos no Rosalía de Castro) e só aceptou reunirse co comité de centro de AENA. "Solicitamos a reunión para pedirlle que cumprira coa Proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego o pasado 5 de xullo. Pero AENA xa incumpriu o primeiro punto desa resolución, que non era outro que pedirlle ao ente aeroportuario a recibira o comité intercentros", critica De Prado. 

O enquistamento deste confito está a destapar outras problemáticas laborais que o persoal levaba tempo a denunciar

Neste senso, lembrou que a través desa PNL, o Parlamento instou a empresa pública a que manteña a cantina do persoal cuns prezos similares e nas mesmas condicións que tiña. "Algo que o representante de AENA tampouco nos garantiu".

Segundo informou Cámara, nos pregos de condicións do concurso de restauración que se están a elaborar (e que até agora viñan ligado ao mantemento de cantina) incluíuse unha cláusula que prima a aquelas empresas que ofrezan prezos reducidos, "mais sen establecer a contía desa rebaixa. Polo que, na práctica, non está garantido que vaiamos ter prezos máis baixos que os que teñen que pagar os pasaxeiros e as pasaxeiras para tomar un café ou comer un bocadillo".

O representante sindical reiterou que a única demanda do persoal é que se manteña o servizo de cantina, que leva 64 anos ininterrompidos funcionando no aeroporto de Santiago. Por iso, dende a coordinadora mesmo propuxeron á empresa pública que nos pregos se recolla dar maior puntuación a aquelas empresas que oferten uns prezos para o persoal que non superen o 50% do prezo para os/as usuarios/as.

Porén, ante a falta de solucións satisfactorias por parte de AENA, durante asemblea de traballadores/as celebrada no día de onte, acordouse a convocatoria de folga para agosto e setembro, en datas aínda sen concretar. Pablo de Prado subliñou que “non queríamos chegar a unha medida tan drástica”, pero tras intentar outras alternativas “non nos queda outra saída”.

Recortes inxustificados

Así as cousas, advertiu que a folga afectará a todo o persoal de todas as empresas que traballan no aeroporto: AENA, compañías aéreas, limpeza, mantemento, seguridade privada, servizos auxiliares, etc., que suman un colectivo de arredor de 1.000 persoas.

De feito, o enquistamento deste conflito está a destapar outras problemáticas entre o cadro de persoal, que leva anos denunciando recortes inxustificados por parte de AENA na práctica totalidade dos servizos dependentes. “Algúns deles moi graves, como a non cobertura do servizo de enfermería nun aeroporto que permanece aberto 24 horas e que conta con 3 millóns de pasaxeiros, cando si se cubría cando tiña 2 millóns de pasaxeiros”. Tamén denunciaron a privatización do aparcadoiro, que supuxo que os empregados/as teñan que pagar por ir ao seu posto de traballo.

E a sobrecarga de traballo das diferentes contratas: limpeza, seguridade, etc., que manteñen os mesmos cadros de persoal que tiñan na antiga terminal a pesar de que a nova ten o dobre de superficie e 1 millón máis de pasaxeiros. Así como o incumprimento das empresas de handling na cobertura dos postos de traballo establecidos no prego de AENA

E todo mentres AENA e a empresa concesionaria “presentan uns beneficios obscenos”: en 2018 rondaron os 1500 millóns de euros, mentres que no primeiro trimestre de 2019 aumentaron un 7% con respecto ao ano anterior.

Volver