O persoal do BBVA continúa coas mobilizacións pola retirada dos despedimentos

Concentrarase este martes, ás 18:00 h na Coruña, Compostela, Vigo, Ourense e Lugo

Nacional -

A sección sindical da CIG no BBVA ten convocada unha nova xornada de mobilizacións para mañá, martes 8 de xuño, contra o ERE inxusto e inxustificado que quere aplicar a empresa. As concentracións realizaranse ás 18 horas diante das principais oficinas.

CONCENTRACIÓNS

  • A Coruña: Cantón Pequeno, 18
  • Santiago de Compostela: Rúa da Senra, 3-5
  • Vigo: Rúa de García Barbón, 2
  • Ourense: Rúa do Paseo, 18
  • Lugo: Rúa da Raíña, 1

As protestas convócanse con motivo da nova reunión da mesa de negociación que terá lugar mañá. A este respecto, a sección sindical da CIG subliña que "non é asumíbel que despois da masiva participación nas concentracións, paros e folgas, nas que en Galiza conseguimos paralizar case o 100º/o da actividade do banco, se poida asinar un acordo que siga contemplando despedimentos e que empeore as condicións laborais do persoal que quede na empresa".

Reiteran que este ERE non ten xustificación e só está encamiñado a que o banco "teña máis beneficios a costa do persoal", expulsándoo do mercado laboral e esixindo novos sacrificios a quen permaneza na entidade, "impondo mobilidades xeográficas que afectan a todos e todas as empregadas, cambios de funcións, ampliación de horarios e sobrecarga de traballo".

Por iso, a representación da CIG aposta por continuar coa mobilización e a loita para obrigar a empresa a recuar nas súas pretensións e nesta liña valoran que "non sería comprensíbel que ningún sindicato asinase un acordo nesta negociación sen sometelo ao referendo de todo o cadro de persoal".

Volver