O persoal do caixoneiro Kugira solidarízase coa loita do persoal de IKF

A Coruña/A Guarda - 26 Xan 2022

O persoal ferrallista do caixoneiro Kugira, que leva desde novembro fabricando caixóns de formigón para o aeroporto marítimo de Bulacán-Manila (Filipinas), acordou ao remate da obra realizar unha recollida solidaria de fondos para apoiar a loita do persoal de IKF na Guarda, en folga durante máis de tres meses contra a dobre escala salarial e par demandar melloras laborais.

A recollida de fondos fíxose entre os 121 ferrallistas de Costanor (empresa para a que prestan directamente servizos, subcontrata de Acciona Construcción, propietaria do Kugira) e acadou un total de 310 euros, que foron entregados este mércores no local da CIG da Coruña por un dos operarios.

A Federación da Construción da CIG agradece este xesto de solidariedade, xenerosidade e compromiso coa loita obreira dun persoal que vén sufrindo nas súas carnes as penurias dun traballo (a ferralla na obra marítima) altamente esixente tanto en tempos coma en esforzo físico, caracterizado ademais por unha eventualidade case total e que esixe en case todos os casos fixar temporalmente a residencia a moitos centos ou miles de km. das súas familias.