O persoal do centro de chamadas do 061 suspende as protestas tras confirmarse que cobrarán un 15% de incentivos salariais

Segundo recollen os pregos do concurso para adxudicar o servizo que agora xestiona Grupo Norte
Nacional - 18 Xun 2019

O cadro de persoal de Grupo Norte, empresa que xestiona a central de chamadas do 061, decidiu suspender as mobilizacións previstas este mércores na Xunta e a semana que vén no Concello da Estrada tras confirmarse que van percibir un 15% de incentivos salariais. Así o recollen os pregos do concurso para adxudicar o servizo, que se veñen de coñecer.

Segundo lembran dende a CIG, os traballadores/as de Grupo Norte decidiron retomar as mobilizacións o pasado mes de maio para reclamar o pago duns incentivos que pasaron do 15% ao 10% por decisión unilateral da empresa nada máis facerse cargo do servizo. 

Seguirán coas negociacións e as accións xudiciais oportunas para recuperar o 10% do soldo perdido nestes dous anos

“Estivemos un ano negociando e dicían que os ían abonar porque fora un erro, pero pasou o tempo e nada, polo que volvemos convocar protestas”, explican.

Agora, tras a publicación dos pregos, optaron por suspendelas, polo que non se celebrarán as previstas este mércores diante da Xunta en Santiago e a vindeira semana ás portas do Concello da Estrada, localidade na que se atopa o centro de chamadas do 061.

“Con todo, seguiremos coas negociacións (temos un AGA aberto) e coas accións xudiciais oportunas co obxectivo de recuperar o 10% do soldo perdido nestes dous anos (a razón dun 5% anual)”, rematan.