O persoal do centro de menores Concepción Arenal e CIEMA irá á folga por unhas condicións dignas e unha mellora do servizo

A Coruña - 11 Xul 2023

As organizacións sindicais CIG-Ensino, UGT-Servizos e CCOO-Ensino teñen convocada folga e dúas concentracións para mañá, mércores 12 de xullo no Centro de Menores Concepción Arenal e o CIEMA, ambos xestionados pola Fundación Camiña Social. A primeira protesta será ás 11:30h diante do Concepción Arenal (Lugar de Palavea, 2) e a segunda ás 12:30h diante do Edificio Administrativo de Monelos (rúa Vicente Ferrer), facéndose o desprazamento dun lugar ao outro a modo de caravana reivindicativa de coches, que sairá sobre as 12h de Palavea. Coa folga quérese reivindicar a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, a defensa do convenio colectivo propio e unha mellora do servizo que se presta aos e ás menores.

O centro Concepción Arenal e CIEMA están xestionados pola Fundación Camiña Social que, malia ter un superávit millonario nas súas contas, de máis de 6 millóns de euros, mantén conxelados os salarios dos seus traballadores e traballadoras dende o ano 2014, escusándose nuns supostos balances económicos negativos dos últimos anos, que nada teñen que ver coa realidade da Fundación. 

Agora, tras máis dunha ducia de xuntanzas sen avances desde 2021, primeiro negociando as táboas salariais e logo un novo convenio colectivo, a Fundación segue instalada no inmobilismo e incluso se negou a ir ao AGA a unha arbitraxe en equidade, tal e como regula o propio convenio no seu artigo 50.

Diante desta desconsideración e desprezo a todo o seu persoal, acordouse por máis do 90% dos traballadores e traballadoras convocar esta primeira folga o 12 de xullo e mobilizacións tanto nas instalacións de Palavea da Fundación coma diante do Edificio Administrativo de Monelos da Xunta de Galiza (xa que a administración autonómica é a responsábel deste servizo) para reclamarlle á dirección que abandone a súa postura inmobilista, que respecte os dereitos adquiridos no convenio propio e que aborde unha negociación real que permita ao persoal, cando menos, recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos e dignificar os seus salarios na liña de garantir o IPC nas súas táboas salariais actuais e futuras, así como outros dereitos laborais e sociais.