O persoal do comercio exixe na CEG un acordo marco galego que protexa os convenios provinciais
Ao remate montaron unha acampada ás portas da sede da patronal galega, en pleno corazón da zona vella compostelá
As traballadoras e traballadores do comercio mobilizaráronse esta mañá, ás portas da sede da CEG, para exixir á patronal galega que asine un acordo marco interprofesional que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e impida así que se apliquen os recortes de dereitos do convenio estatal ARTE. Ao remate despregaron as tendas de campaña, en plena Rúa do Vilar, onde están decididas a permanecer até que as boten.
A concentración enmárcase no intenso calendario de folgas e mobilizacións que o persoal do sector leva meses realizando en defensa dos seus dereitos laborais e salariais e por unha negociación colectiva próxima na que teñan capacidade de incidir e decidir.
Neste contexto, grupos de persoas traballadoras do sector sostiñan, desde hai 15 días, unha acampada reivindicativa diante da sede da patronal coruñesa, que é a máis reticente a avanzar neste marco galego e incluso se nega de xeito sistemático a constituír a mesa de negociación do convenio provincial do comercio vario, caducado o 31 de decembro e que toca renovar. Acampada que esta mañá levantaron para instalarse fronte a sede da patronal galega en Compostela.
As traballadoras están dispostas a permanecer diante da CEG até que as boten para protestar pola sinatura do convenio ARTE e para exixir que se garanta o mantemento das actuais condicións de traballo e enfrontar este ataque patronal que, baixo a escusa da harmonización, ten como obxectivo liquidar a capacidade reivindicativa en cada provincia.
Menos salarios, peores condicións
A CIG-Servizos lembra que o convenio estatal asinado polas grandes multinacionais do téxtil e do calzado como Inditex, Mango, H&M ou Primark, con CCOO e Fetico significará un retroceso nos dereitos conquistados nos últimos anos a través da negociación colectiva provincial e estabelecerá condicións diferentes dentro dunha mesma tenda entre o persoal xa contratado e o eventual e de nova incorporación, que contará con peores salarios e menos dereitos.
Aínda que de maneira temporal as condicións do persoal de Pontevedra e Lugo ficarían protexidas polos convenios provinciais que se veñen de asinar, a aplicación de ARTE implicará percibir entre 2.000 e 5.000 euros menos ao ano na Coruña e Pontevedra; a desaparición do complemento de antigüidade recollido nos convenios de Lugo e Ourense; a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura, reducir a planificación de horarios e calendarios ou autorizar a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.
Segundo explica o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, a forte contestación das traballadoras e dos traballadores xa obrigou a modificar algúns dos aspectos máis lesivos da proposta da gran patronal, como os recortes na cobertura do 100% no caso das baixas ou que non se compute o descanso dentro da xornada como tempo efectivo de traballo; mais só de maneira transitoria naquelas provincias que xa o teñen recoñecido por convenio.
Por iso, a loita contra o convenio de ARTE e a estatalización da negociación colectiva non cesa e por iso as traballadoras continuarán reclamándolle á patronal galega a sinatura dun marco acordo marco interprofesional galego -seguindo o camiño da patronal vasca- ou ben que sente negociar un convenio galego para o comercio que protexa os dereitos e permita avanzar noutros novos.