O persoal do Concello de Cambre segue en loita por unhas condicións dignas
As traballadoras e traballadores do Concello de Cambre volvéronse mobilizar este xoves, coincidindo coa celebración do pleno ordinario, para reclamar que, dunha vez, se atendan as súas demandas laborais, se respecten os seus dereitos económicos e se ofrezan os servizos públicos que merece a veciñanza.
Sinalan que dende a ruptura unilateral do diálogo por parte da alcaldesa o día 6 de outubro e a concentración do pasado día 16, o Goberno municipal accedeu a ter unha nova xuntanza o día 22, mais insistindo “en que non se atenderían as reclamacións sociais no caso de proseguir as concentracións”. Neste senso, a representación da CIG apunta que, se ben é certo que se están a dar algúns pasos no camiño de atender as reivindicacións laborais, nomeadamente no relativo ás nóminas e outros pagos pendentes, “trátase de actos de trámite que de momento non están chegando a resolverse e convertese en feitos”.
En canto á reclamación do dereito á carreira administrativa, Vanessa Paz, delegada da CIG, aclara que a proposta da Xunta de Persoal entregada en xullo ao Goberno segue pendente de informe. “Acaban de emitir unha providencia para que sexa informada polo xefe de Urbanismo e Réxime Interior, un primeiro paso que chega tarde e tampouco garante a súa posterior tramitación”. Porén, neste contexto, e como mostra de boa vontade por parte das persoas traballadoras, decidiuse suspender a concentración prevista para o 23 de outubro.
A maiores dos problemas a nivel do persoal municipal, nestas últimas dúas semanas fíxose público o malestar das asociacións veciñais, culturais e deportivas “coa situación de abandono por parte do Concello e tamén a ANPA do CEIP do Graxal está preparando mobilizacións”.
Ante esta terrible realidade “as persoas traballadoras seguimos sen ver melloras. Seguimos sen ter unha clara proposta para o reforzo do departamento de persoal e para a cobertura de todas as vacantes en todos os departamentos. Tampouco temos propostas relativas á nosa petición dun plan ou programa de emprego para poñer ao día a situación do persoal do Concello, e aínda que se deu algún paso, de momento está lonxe a resolución deses procedementos”, denuncian.
Por todo isto, e a pesares das ameazas do Goberno municipal de romper de novo o diálogo e deixar de adoptar medidas relativas ao persoal, a Xunta de Persoal entende que debe “seguir mantendo a atención sobre as nosas reclamacións” e por ese motivo acordaron realizar a concentración deste xoves.