O persoal do Hospital Clínico manifestarase en Compostela “Por unhas Urxencias dignas”
Traballadoras e traballadores do Servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago, en folga indefinida desde o 12 de novembro, sairán en manifestación o próximo mércores día 9, desde a Praza Roxa, ás 19:00 horas, baixo o lema “Por unhas Urxencias dignas”.
A eles xa confirmaron que se sumarán máis sectores sanitarios en conflito, como persoal de PACs, que tamén acaban de convocar folga indefinida; o persoal de ambulancias, en loita por un convenio digno; persoal da central de chamadas do 061, servizo xestionado polo Grupo Norte, que tamén anunciou que volverá á folga o vindeiro día 21 de xaneiro e as asociacións de usuarias/os, que manifestaron o seu apoio ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores do servizo de Urxencias.
A comisión de centro leva tempo reclamando que se adopten medidas no servizo de Urxencias, “para ofertar á cidadanía unha atención digna e de calidade, acorde coa cidade á que representa e que nestes momentos está moi lonxe de acadar eses parámetros, tanto para profesionais como para os usuarios/as”.
E é que, en esencia, o que piden é a dotación do servizo con suficiente de persoal en todos os colectivos (médicas/os, enfermeiras/os, TCAEs e celadores/as) para atender o volume de urxencias que entran pola porta.
Ademais demandan a elaboración de protocolos para a asistencia de pacientes pendentes de ingreso mentres permanezan na unidade, minimizando tempos de estancia na mesma e adecuación de tratamentos; unha axeitada xestión do servizo e a priorización das interconsultas que se xeran en urxencias, necesario para dotar de dinamismo a atención dos pacientes, evitando retrasos que levan a situacións de tensións e reclamacións facilmente evitables.
Por iso, como todos os luns desde que se iniciou a folga, hoxe tamén se concentraron diante do servizo de Urxencias e rodearon, en manifestación, o centro hospitalario, desta volta, non só para reiterar as súas demandas, senón tamén para sensibilizar a usuarias e usuarios e chamalos a participar na manifestación do vindeiro mércores.