O persoal do Hospital QuirónSalud mobilízase para esixir condicións salariais e laborais dignas

Este xoves manifestáronse entre as dúas portas do hospital coruñés

A Coruña -

O persoal do Hospital QuirónSalud (Hospital Santa Teresa) retomou este xoves as mobilizacións para esixir a fin das discriminacións salariais, unhas condicións de traballo dignas e que a empresa solucione, dunha vez, a sobrecarga de traballo que padece o persoal debido a falta de efectivos e a gran carga asistencial que existe. Desta volta, a protesta consistiu nunha manifestación entre a porta principal de acceso ao Hospital QuirónSalud (na rúa Londres) e a entrada de Urxencias (situada na rúa Ginebra).

A representación social denuncia que a dirección non só segue sen dar resposta ás demandas históricas relativas á xornada, nocturnidade, festivos, domingos, aumento de ratio de persoal en todos os servizos etc.; senón que nos últimos anos os traballadores e as traballadoras sufriron unha progresiva vulneración dos seus dereitos laborais máis básicos, que se veu agravada pola pandemia da Covid-19.

A presidenta do órgano de representación, Laura Méndez (CIG), critica que a pesar de ser o maior grupo sanitario privado do Estado e dos beneficios millonarios que obtén, as condicións que ofrece o Quirón son de auténtica precariedade. "Isto provoca que os e as profesionais fuxan do hospital na procura dun entorno laboral digno e que o centro hospitalario da Coruña padeza un déficit estrutural de persoal en toda as categorías, que afecta en maior medida á Enfermería", destaca.

Incentivos discriminatorios

Nun intento desesperado de reter ás e aos profesionais, a dirección puxo en marcha no ano 2019 un plan de incentivos fóra de convenio "que non resolve o problema, pero que agrava cada vez máis as desigualdades salariais que se veñen dando entre os diferentes colectivos de traballadoras/es".

Neste senso, Méndez lembra que durante a negociación do convenio colectivo da sanidade privada, o Grupo Quirón negouse a abordar melloras nas condicións laborais e retributivas, rexeitando incluso asumir o pago do traballo nos domingos. Pouco despois de asinarse o convenio, Quirón aparecía con esa primeira proposta retributiva discriminatoria que reedita cada vez que ten dificultades para cubrir as necesidades de persoal.

O comité chama a atención tamén sobre o feito de que o Quirón ten un concerto co SERGAS e, neste momento, o sistema público está derivando un inxente volume de doentes á privada para poder sacar adiante as listas de agarda cirúrxicas -moi atrasadas debido á parálise sanitaria por mor da pandemia-, así como tamén deriva pacientes de medicina interna.

Por iso, a representación social insta tamén a Consellaría de Sanidade a que exerza as súas funcións supervisoras tanto no relativo á calidade asistencial que se presta ás/aos doentes, como ás condicións laborais nas que se realiza esa atención.

Volver