O persoal do hospital vigués Povisa volve á rúa en defensa dos seus dereitos laborais

Reclama a negociación dun convenio tras 12 anos cos salarios conxelados
Vigo - 05 Abr 2022

Un grupo de traballadores/as do hospital Ribera Povisa de Vigo mobilizouse de novo este martes diante das instalacións do centro médico para denunciar a negativa da dirección a negociar un convenio colectivo digno tras 12 anos sen suba salarial e coas condicións laborais conxeladas.

Dende o comité de empresa, promotor dun intenso calendario de protestas, lembran que en xaneiro do ano pasado intentouse pactar a renovación do acordo laboral, pero tras 14 xuntanzas as partes non foron quen de chegar a un acordo a respecto da actualización de soldos, da xornada e da promoción interna.

“A empresa quere cambiar tamén unha serie de artigos do actual convenio para reducir días de convenio e implantar a flexibilidade da xornada, para o que pretenden entregar unhas quendas anuais que serían só orientativas para que o persoal coñeza cales van ser as súas quendas ao longo do ano, pero que poden ser modificadas en calquera momento”, denuncia a presidenta do comité, Chus Neira, da CIG.

A empresa quere tamén poder variar o número de horas que fai cada empregado/a, “establecendo por exemplo unha semana de 20 horas e despois obrigar a recuperar esas horas ao longo do ano, o que ataca directamente o dereito a conciliar a vida laboral e familiar”.

En canto á suba salarial, Neira sinala que Povisa ofrece un 1% para 2021; un 1,5% para 2022; e un 2% para 2021, incremento que cualifica de “ridículo”, tendo en conta que a última actualización de soldos na empresa remóntase a 2010 e que o IPC do ano pasado atinxiu o 6,5%. Por iso a representación sindical entende que a súa proposta non é “nada do outro mundo”: un 3% para 2021; un 3% para 2022; e un 3,5% para 2023, “algo perfectamente asumíbel”.

Mais a dirección de Povisa mantén unha actitude inmobilista e negocia unicamente a partir do anteproxecto de convenio, sen ter en conta a proposta da parte social. Diante disto, a maioría do comité apostou por comezar un calendario de mobilizacións hai máis dun mes. Neste senso, no caso de que a compañía non achegue pronto unha proposta que satisfaga as reclamacións do cadro de persoal apostarán por convocar xornadas de paros ou mesmo unha folga indefinida, ao tempo que continuarán coas mobilizacións.

Por último, lamenta que a empresa non teña en conta o gran esforzo feito polos traballadores/as durante a pandemia e lembra que o persoal de Povisa “sempre tivo que facer o seu traballo en malas condicións, con falta de efectivos e con conflitos constantes, e pensabamos que coa chegada da nova dirección cambiarían as nosas condicións, pero vemos que todo segue igual; están a facer obras moi custosas para mellorar as instalacións, pero non entendemos como non invisten no máis importante, que son os seus traballadores/as, xa se non están nunhas condicións dignas non poden ofrecer unha atención de calidade”.