O persoal do matadoiro do Grupo Sada mobilízase en defensa da continuidade de todos os empregos

Castro de Rei - 27 Abr 2023

Traballadoras e traballadores do Grupo Sada PA SA concentráronse este xoves diante do matadoiro que a empresa ten en Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei), para reclamar garantías na carga de traballo nas instalacións e a continuidade de todos os empregos.

A empresa atópase nun proceso de redución progresiva do cadro de persoal mediante a finalización das contratacións temporais e a negociación de saídas voluntarias, iniciado tras a marcha do servizo de despece para Mercadona. Pero ademais, a compañía xa avanzou a posibilidade de despedimentos entre o cadro de persoal fixo, nomeadamente na sala de despece, a partir do mes de xuño.

Aínda que o comité vén reclamando carga de traballo para a totalidade do cadro de persoal, acorde coa capacidade produtiva das instalacións, nestes momentos a empresa non garante a actividade no matadoiro lugués. "Non é de recibo que, logo da integración no grupo agroalimentario ‘Vall Companys’ e cun anuncio a ‘bombo e platillo’ das garantías para as nosas instalacións, non exista unha previsión suficiente para dimensionar a carga de traballo ás instalacións de Castro Ribeiras de Lea", denuncia o comité.

Para denunciar esta situación de abandono e falta de solucións para unha parte moi significativa do persoal "que a empresa sitúa na rúa", o comité acordou convocar esta primeira concentración entre ás 13 e ás 15h, coincidindo co cambio de quenda. Mais tamén porque "a ameaza ao persoal máis precarizado (persoal afectado polo abuso dos ‘falsos autónomos’), non deixa de ser unha ameaza para a totalidade do persoal da nosa factoría".