O cadro de persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Tomiño desenvolverá unha mobilización este sábado 6 de xuño coincidindo coa celebración dun acto do Partido Popular na localidade para reclamar da Xunta de Galiza que asuma as súas competencias e garanta a dignificación do servizo e das condicións laborais. A protesta enmárcase na campaña posta en marcha recentemente pola CIG-Servizo para esixir a municipalización do SAF ante o inminente remate da prórroga coa concesionaria encargada da xestión, reivindicación que lle foi trasladada novamente ao Concello esta semana nunha xuntanza na que se acordou que a Administración local permitiralle á representación sindical facer achegas ao prego de condicións e formalizará coa actual empresa un contrato dun único ano mentres non se resolve o concurso.
Dende a central sindical lembran que a axuda a domicilio é un servizo público que a Xunta derivou ás administracións locais, mais sen asignarlle as contías suficientes. A súa vez, a maioría dos Concellos apostaron por externalizar o SAF en empresas privadas, precarizando a calidade na asistencia e condenando as persoas traballadoras á escravitude ao sacar pregos de condicións infradotados e mesmo en baixa temeraria. Fronte a isto, a CIG-Servizos defende un sistema galego de coidados público e de calidade, reivindicación que o persoal do SAF de Tomiño trasladará este sábado coincidindo coa celebración dun acto do PP no pavillón da Sobrada ás 13:30 horas.
A protesta terá lugar este sábado día 6 diante do pavillón da Sobrada ás 13:30 horas
No caso concreto deste servizo, a CIG leva tempo demandándolle ao Concello que se aproveite o remate da prórroga coa empresa concesionaria para municipalizar o servizo. Ante a falta de resposta inicial do Goberno local, a central puxo en marcha unha campaña de socialización entre a veciñanza tanto das problemáticas que padece o persoal e como da viabilidade económica de que o SAF sexa xestionado directamente pola Administración local, de igual xeito que con anterioridade fixo co servizo de limpeza.
Este mesmo luns tivo lugar unha xuntanza entre a CIG e os responsábeis municipais na que se expuxeron as reivindicacións do persoal, que pasan por un contrato ponte dun ano, a posibilidade de facer achegas ao prego e a apertura dunha mesa de estudo durante a vixencia dese contrato ponte para buscar alternativas á privatización.
O Goberno local comprometeuse a facer entrega do borrador do prego de condicións do concurso de adxudicación para ter en conta as achegas do persoal e a valorar a formalización do contrato dun ano con prórroga de outro. Ao tempo que confirmou que a actual concesionaria, Idades, vai seguir en precario xestionando o servizo até que se resolva o novo concurso.
Finalmente, dende a CIG anuncian que o 26 de xuño terá lugar unha nova reunión co Concello para seguir abordando as reivindicacións laborais do SAF e o novo modelo de xestión do servizo.