O persoal do SAF do Concello de Silleda denuncia atrasos no pago das nóminas e débedas salariais

A CIG mobilizouse diante do consistorio para esixir unha solución
Silleda - 03 Dec 2021

O cadro de persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Silleda denuncia os constantes atrasos no pago das nóminas e as débedas salariais que mantén a concesionaria con algunhas traballadoras/es. A CIG desenvolveu hoxe unha protesta diante do consistorio para reclamar unha solución inmediata a esta situación.

Se hai dous dous días era o persoal do SAF do Concello de Pazos de Borbén o que facía pública a tardanza da empresa Pedroso y Rojas (Saluvi) en pagar os soldos, as empregadas/os do SAF de Silleda sacan á luz a mesma problemática.

Curiosamente, a adxudicataria dos dous servizos é a mesma empresa, Pedroso y Rojas (Saluvi), aínda que no caso de Pazos de Borbén perdeu recentemente a concesión, mais a nova compañía aínda non se fixo cargo do servizo precisamente polas débedas de Saluvi tanto coas traballadoras/es como coa propia Seguridade Social.

Pola súa banda, as empregadas/os do SAF de Silleda levan ano e medio percibindo as súas nóminas cos atrasos, xa que a compañía abónalles os salarios sempre a partir do día 15 como moi cedo. Ademais, leva dous anos sen actualizar os soldos e está a aplicar unha bolsa de horas que non negociou coa representación sindical (3 delegadas de persoal da CIG).

Débedas salariais

Coa escusa desta bolsa de horas está a desregularizar totalmente a xornada laboral, ao tempo que evita pagar as horas extraordinarias e o traballo en días festivos. A isto hai que sumar o feito de que a empresa non lles está a abonar ás nóminas ás traballadoras/es que optaron por denunciar xudicialmente a bolsa de horas e os atrasos. De xeito que lles adebeda xa dous salarios e unha paga extra.

Por todo isto, as afectadas/os decidiron desenvolver unha mobilización diante do Concello que tivo lugar hoxe a partir das 14:30 horas. Coa protesta conseguiron forzar unha xuntanza co alcalde para abordar a situación que terá lugar nos vindeiros días.