O persoal do sector do cemento da Coruña cobrará as subas salariais de 2019 cun atraso de dous anos

A causa da fórmula pactada por patronal, UGT e CCOO que vincula os incrementos á estatística de venda do cemento a nivel estatal
A Coruña - 19 Xan 2021

As táboas salariais do Convenio Colectivo de Derivados do Cemento da Coruña correspondentes ao ano 2019 asináronse con dous anos de atraso e transcorrido xa máis de medio mes de xaneiro, continúan sen estar publicadas no BOP, polo que aínda non son de obrigada aplicación. Esta demora, denuncia a FCM-CIG, débese á fórmula pactada pola patronal do sector e as centrais sindicais UGT e CCOO para regular os incrementos salariais, vinculados a un criterio tan alleo á realidade da clase traballadora galega como é a estatística de vendas de cemento a nivel estatal.

"A simple tardanza da publicación deste dato estatístico lastra a negociación colectiva de todo o sector e obriga o seu persoal a agardar a practicamente dous anos para ver aprobados os incrementos salariais", subliña o secretario de negociación colectiva da FCM-CIG, Mario Maceiras. Que advirte que, a día de hoxe, estas táboas aínda non se publicaron no BOP, "co cal serán de obrigada aplicación nalgún momento ao longo de 2021".

Unha fórmula altamente prexudicial para os/as traballadores/as

Este acordo (ao que a CIG se opuxo) provoca unha severa demora no cobro dos atrasos que xeran os incrementos, "o que causará problemas a moitas empresas que teñan que afrontar de repente o pago de dous anos completos de atrasos a todo o seu persoal (entre 520 e 900 euros/ano por traballador ou traballadora)".  Pero ademais, implica que moitos/as operarios/as que xa cambiaron de sector ou empresa (algo habitual nestes tempos) "non cobrarán nunca máis os seus incrementos".

Xunto a isto, Maceiras salienta que "o absurdo" deste acordo impulsado por UGT e CCOO chega ao extremo de que en xaneiro de 2021 "o persoal do sector aínda segue esperando coñecer o calendario laboral de 2020, que sairá publicado no BOP despois de acabar o ano".

Para reverter esta situación, a CIG insta a mudar a representatividade nas próximas eleccións sindicais "dando unha maioría clara á central nacionalista que permita corrixir este desaguisado e impulsar dunha vez o Convenio Galego que o sector tanto necesita".