O persoal do Servizo de Incendios mobilízarase o xoves 30 de outubro en Compostela por un servizo público, digno e con garantías laborais
O persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) manifestarase o vindeiro xoves, 30 de outubro, polas rúas de Compostela para reclamar un servizo de incendios público, digno e con garantías laborais. A mobilización, convocada pola CIG-Administración Autonómica, sairá ás 11 horas da Consellaría de Medio Rural en San Lázaro e rematará diante do complexo da Xunta en San Caetano.
O persoal reclama un servizo de extinción de incendios 100% público e único, no que todas as persoas traballadoras teña as mesmas condicións laborais e no que se garanta a súa saúde e seguridade. Denuncian que o abandono, desigualdade e mala xestión que padece o SPIF da Xunta de Galiza “ponnos en risco de morte a nós e á poboación”. Unha situación que se repite ano tras ano e que se agrava ante as vagas de lumes como a vivida este pasado verán.
“Son quen estamos en primeira liña, quen arriscamos a vida en cada lume, quen sostemos o servizo con profesionalidade e compromiso. Pero o noso esforzo non se ve recoñecido pola administración, que continúa ignorando as nosas demandas máis básicas”, advirten.
Estabilidade laboral
A primeira das reivindicacións refírese ao aumento do tempo de traballo para o persoal fixo-descontinuo de 8 a 12 meses, realizando as tarefas de prevención de incendios forestais e dando servizo ás multiemerxencias. Desta maneira, apuntan, dotaríase de estabilidade e continuidade o emprego. Xunto isto, piden estender o Acordo do persoal funcionario do SPIF ao laboral, atendendo ao principio de “a igual traballo, igual salario e condicións laborais” e rematando coas discriminacións entre compañeiros e compañeiras que realizan as mesmas tarefas.
A nivel económico reclaman “dignidade salarial” e cobrar os complementos a mes vencido e que sexan fixos, que remate “o caos nas nóminas e os atrasos inxustificados e que se retribúan de oficio estes complementos nas vacacións e baixas, conforme á nova xurisprudencia”. Cumprir a a Lei Básica do persoal bombeiro forestal e a posta en marcha dun Plan de Igualdade real, son outras das demandas do colectivo.
Descontrol e mala xestión da Consellaría
Pero ademais, con esta mobilización, o persoal do SPIF quere denunciar “o descontrol e a mala xestión do persoal” por parte da Consellería do Medio Rural na vaga de lumes, advertindo que a “descoordinación e a improvisación poñen en risco persoas e territorio”. Neste senso, denuncian que se contratou en plena vaga de lumes a persoal sen darlles formación e sen adestramento necesario.
Outro dos puntos que poñen sobre a mesa é a falta de seguridade e saúde laboral, pois as condicións das bases do servizo “son pésimas”, falta axilidade na desinfección e reposición dos EPI e vehículos, e non se dá a formación específica axeitada e previa ao comezo do traballo. Finalmente, reclaman a axilización dos trámites para a xubilación parcial.