
O persoal do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares mobilízase polo cumprimento do convenio

As traballadoras e traballadores da UTE Ilunion-Ilunion-Centro Especial de Emprego, encargada da limpeza dos Hospitais Clínico e Gil Casares, de Santiago de Compostela, iniciaron a pasada semana mobilizacións para denunciar os incumprimentos do convenio colectivo e máis dos acordos existentes.

O detonante, desta volta, foi, segundo explica o representante da CIG Anxo Noceda, a negativa a sacar a concurso varias das vacantes que tiñan que terse ofertado no mes de novembro e que, a día de hoxe, aínda non saíron. Unha situación diante da que o comité traslada á asemblea de traballadoras o incumprimento da empresa e o persoal acorda iniciar mobilizacións. A primeira delas tivo lugar a semana pasada, o día 20 de maio, a segunda o día 22 de maio, a terceira onte e hoxe a cuarta.
Múltiples incumprimentos
Porén este non é o único incumprimento. Noceda fai un percorrido polas diferentes cuestión e, entre elas, sinala, ademais do concurso de vacantes; a bolsa de emprego; a situación en materia preventiva, nomeadamente polo estado calamitoso dos vestiarios “con bichos de diferente entidade paseándose por eles”; coa carga de traballo existente; coa denegación sistemática, e sen xustificación, dos días de libre disposición, co establecemento de prazos unilaterais para, por exemplo, comunicar os cambios de vacacións entre o persoal; co abono da carreira profesional ou co abono da nocturnidade.
Nestes dous últimos casos, a situación é, para Noceda, máis grave, porque despois de multitude de sentenzas xudiciais perdidas, “a empresa segue insistindo en non abonar para aproveitar e, cando se concretan as datas dos xuízos, intentarlle facer unha quita aos traballadores e ás traballadoras, xogando cos tempos para que lles perdoen contías económicas que lles son adebedadas ao cadro de persoal”.
Neste sentido o representante da CIG insiste en que as mobilizacións teñen por obxectivo conseguir que a empresa cumpra todo o acordado. “Non se está demandando, por desgraza, ningunha mellora, nin salarial, nin social, nin de ningún outro tipo, senón que se cumpra estritamente o acordado”.
Anxo Noceda salienta que foi grazas a estas concentracións polo que por parte da empresa e, sobre todo, da Xerencia foron convocados a unha xuntanza na que non se acordou absolutamente nada. “Con boas palabras, pretendían que se desconvocasen as mobilizacións para dar pé a que a empresa se sentase a negociar. Evidentemente, díxoselles que non, que, en todo caso, calquera valoración relativa ás mobilizacións tiña que ser con feitos concretos e con compromisos enriba da mesa, non con boas palabras”.
Noceda advirte de que, por parte de quen representa a empresa no centro de traballo, pretenden desmobilizar o persoal en base absolutamente a nada. En todo caso, explica que “non lles está servindo para nada, as mobilizacións seguen sendo das máis numerosas que nunca houbo no centro de traballo e desde a CIG chamamos ao persoal para que sigan sendo así, e non só iso, senón mesmo incrementalas se é necesario”. De feito, o comité xa está valorando esta cuestión.
Con todo, o representante da CIG lembra que viñan afeitos á anterior xerencia, a de Eloína Núñez, a curmá de Feijóo. “Cando tivemos a noticia de que se nomeaba o novo xerente, viña precedido dunha aureola que, polo que nos chegaba, era absolutamente distinta á que coñecíamos de Eloína. A realidade, co que estamos vendo, é que entre Eloína e Ángel Facio, a diferenza, na práctica, é cero”. Por iso recomenda ao novo Xerente “que se asesore mellor e que nos reciba en persoa, non por terceiros”.