O persoal do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares segue a mobilizarse polo cumprimento do convenio

A CIG denuncia a chantaxe da UTE Ilunion e a pasividade da xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
Compostela - 13 Xun 2025

O persoal do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares, xestionado pola UTE Ilunion-Ilunion Centro Especial de Emprego, mobilizouse este xoves, día 12 de xuño, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia para exixir o cumprimento do convenio colectivo. A CIG denuncia a chantaxe da empresa, que condiciona a negociación á paralización das protestas e a falta de vixilancia por parte da xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Adianta, ademais, que o comité ten convocadas mobilizacións para o 19 e 27 de xuño.

A mobilización de onte reflectiu, segundo explica o representante da CIG, Anxo Noceda, a unidade e fortaleza do cadro de persoal, que leva meses denunciando incumprimentos reiterados do convenio colectivo.

Entre eles salienta a negativa a sacar a concurso varias das vacantes que tiñan que terse ofertado no mes de novembro e que, a día de hoxe, aínda non saíron; a bolsa de emprego; a situación en materia preventiva, nomeadamente polo estado calamitoso dos vestiarios “con bichos de diferente entidade paseándose por eles”; coa carga de traballo existente; coa denegación sistemática, e sen xustificación, dos días de libre disposición, co establecemento de prazos unilaterais para, por exemplo, comunicar os cambios de vacacións entre o persoal; co abono da carreira profesional ou co abono da nocturnidade.

Noceda denuncia que “a empresa utiliza a chantaxe como única resposta, exixindo a desmobilización para sentarse a negociar, mentres se beneficia economicamente de vulnerar o convenio”. O comité de empresa presentou unha mediación ante o AGA o pasado 9 de xuño para probar a vontade negociadora da UTE Ilunion, pero a empresa rexeitou a oportunidade, insistindo na paralización das mobilizacións. “Levamos anos con estes problemas, e a empresa só dilata as solucións, obtendo beneficios a costa dos dereitos do persoal”, afirma Noceda.

Responsabilidade da Xerencia

O representante da CIG apunta tamén a responsabilidade da Xerencia do CHUS, á fronte da que está Ángel Facio, por non garantir que a concesionaria cumpra coa legalidade. “A xerencia ten a obriga legal de vixiar as contratas, pero fai caso omiso”, denuncia Noceda, instando a Facio a reunirse directamente co Comité de Empresa sen intermediarios. “Os asesores do xerente non lle trasladan a gravidade da situación; unha reunión directa sería o primeiro paso para resolver este conflito”, afirma.

Diante desta situación o persoal xa acordou novas mobilizacións para os días 19 e 27 de xuño, ante a persistencia da chantaxe da empresa. A CIG entende que, se a UTE Ilunion mantén esta actitude, “serán eles quen provoquen unha escalada das protestas”. A central sindical subliña que a decisión de intensificar as mobilizacións corresponde ao cadro de persoal e máis ao comité, pero reafirma o seu apoio total á loita por unhas condicións laborais dignas.

A central sindical exixe, pois, a retirada inmediata das imposicións e chantaxes da UTE Ilunion, o cumprimento íntegro do convenio colectivo e unha actuación responsable por parte da xerencia do CHUS. “Esta loita é pola dignidade das traballadoras e pola defensa dun servizo esencial”, conclúe Noceda.