O persoal do SPIF pon en marcha a campaña «Os mércores verdes» para concienciar sobre a importancia do servizo

Desenvolve concentracións nas catro provincias durante todo o mes en apoio da folga

Nacional -

O persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da Xunta, en folga dende hai máis dun mes para reclamar un novo acordo laboral, iniciou onte en Ourense a campaña «Os mércores verdes» coa que pretenden concienciar sobre a importancia do traballo que realizan dende este servizo público en defensa do medio natural galego.

A campaña consiste nunha serie de concentracións nas catro provincias galegas coas que pretenden trasladarlle á sociedade a importancia do traballo que desenvolven “para manter “verde” a nosa paisaxe e que resumen na frase “Fronte ao lume, silvicultura”. O seguimento do paro indefinido continúa a ser maioritario entre os traballadores/as a pesar das represalias e da vulneración do dereito de folga por parte da Consellería do Medio Rural.

Máis de 40 traballadores/as concentráronse diante do centro de coordinación provincial de incendios forestais de Ourense para denunciar a falta de negociación dun novo acordo de melloras organizativas do servizo, unha maior dotación de medios técnicos e humanos e un novo acordo de condicións de traballo, “que sen dubida contribuirán a mellorar o servizo”, así como a poñer en valor o medio rural galego.

Na protesta participaron todos/as os técnicos/as, agás os que teñen asignados servizos mínimos, que seguen exercendo “desde o compromiso e a responsabilidade” a súa función coordinadora. Fronte a esta actitude coa que está a actuar o persoal técnico do SPIF, “atopámonos coa actitude hostil e o esquirolismo patronal” por parte da Consellería, nun intento de coartar, intimidar e obstaculizar o lexítimo dereito á folga.

Descontos ilegais nas nóminas das persoas en servizos mínimos, coaccións para abandonar a folga con promesas de retorno das cantidades ilegalmente roubadas, externalización a persoal de terceiras empresas de traballos que son propios do persoal técnico que está en folga, cambios repentinos de quendas de traballo e gardas ou mesmo “ameazas solapadas” son o “modus operandi” de Medio Rural neste conflito. “Actitudes reprobables e impropias dunha Administración que debera dar exemplo no respecto aos dereitos e liberdades fundamentais vixentes nunha sociedade democrática”.

Denuncian tamén a “deriva antidemocrática” froito da a estratexia do conselleiro de non mostrar o máis mínimo interese en tratar de resolver este conflito e facer oídos xordos ás razoables reivindicacións deste colectivo. “Se esta é a intención de José González equivócase, porque se persiste o ninguneo e o acoso da Consellería cara ao persoal en folga, o conflito e as mobilizacións non só van persistir, senón que se poden radicalizar, o que nunca é bo para ningunha das partes”.

Neste senso, critican que o único que fai o responsábel autonómico é reprimir dereitos; pero un mes despois do comezo da folga non convocou nin unha soa reunión co comité de folga de cara a chegar a un acordo coa apertura da mesa de negociación “demostrando a súa ineptitude e incapacidade”. Con todo, a pesar das provocacións, apelan ao diálogo, ao consenso e á sensatez e agardanque canto antes se produza a apertura da mesa de negociación correspondente que permita achegar posturas e canalizar unha saída pacífica a este conflito.

Tras a mobilización de onte, na que se reclamou “diálogo” para pactar “un novo acordo xa”, o calendario previsto é o seguinte:

-Concentración en Santiago o 9 de setembro ás 11:00 horas.

-Concentración en Pontevedra o 16 de setembro ás 11:00 horas.

-Concentración na Coruña o 23 de setembro ás 11:00 horas.

-Concentración en Lugo o 30 de setembro ás 11:00 horas.

Volver