O persoal do transporte en autobús da Coruña irá á folga en reposta ao bloqueo patronal á negociación do convenio

As centrais sindicais convocan manifestación para o 10 de novembro e apelan á responsabilidade da Xunta sobre o sector
A Coruña - 05 Nov 2025

As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO avanzaron a convocatoria de folga no sector do transporte de viaxeiros/as por estrada da provincia da Coruña en resposta á parálise na que a patronal mantén a negociación do convenio colectivo. Nas próximas semanas, as centrais trasladarán esta situación ás asembleas de traballadores e traballadoras e xa anunciaron unha primeira mobilización para este luns, 10 de novembro.

O representante da CIG na mesa de negociación, Ernesto López Rei, explicou que a negociación leva cinco anos bloqueada e a intención da patronal “é non tocar nada do articulado”, a pesar de que se trata dun convenio anticuado e sobrepasado en diversas materias pola lexislación vixente. Sinalou que as táboas foron actualizadas nestes anos, pero agora a única proposta do empresariado, logo da insistencia sindical, consiste nun incremento salarial do 1,2% para este 2025, cunha negativa rotunda a abordar a redución da xornada, avanzar nos dereitos de conciliación ou incorporar calquera mellora laboral ou social.

“Con esta postura, aseverou López Rei, a única alternativa que nos deixa a patronal para poder desbloquear a negociación é o conflito”. Así o exporán as tres centrais sindicais nas asembleas de persoal que se realizarán a finais deste mes, ás que proporán a convocatoria de paro no mes de decembro e, de non producírense avances reais, traballar xa na convocatoria dunha folga indefinida á volta do nadal.

Previamente, e para axitar o sector, CIG, UGT e CCOO teñen prevista unha manifestación o luns 10 de novembro, que sairá ás 11:00 horas da estación de autobuses da Coruña e rematará en Entrexardíns, punto neurálxico das liñas de autobús que conectan a cidade.

Responsabilidade da administración

Na comparecencia para os medios, os voceiros sindicais apelaron á responsabilidade da Xunta de Galiza, como titular dos contratos do transporte de viaxeiros/as por estrada, para que interveña e inste a patronal a unha negociación real. Neste senso, López Rei criticou que “parece que nin ás empresas nin á administración lles importa este sector”, en progresiva precarización e concentración dende o último proceso de adxudicación de contratos.

Por iso, reiterou o chamado ao Goberno galego para evitar unha folga nun servizo público como este, do que cada día fan uso milleiros de persoas no noso país, pero no que cada vez hai menos profesionais a causa das malas condicións laborais e salariais.