O persoal do transporte en autobús, firme na loita por un convenio digno na novena xornada de folga

A patronal segue sen concretar se acepta a mediación mentres a Xunta fai gala dunha asombrosa inacción
A Coruña - 20 Xan 2026

Firmeza, dignidade e determinación na defensa dun convenio digno para as traballadoras e traballadores do transporte en autobús da provincia da Coruña, que este martes chegan á novena xornada de folga ante o inmobilismo patronal e a irresponsabilidade da Xunta de Galiza, que segue desaparecida neste conflito.

Unha xornada máis, os piquetes informativos despregáronse dende primeira hora nas principais cocheiras de autobuses e estacións da provincia, que permanecen practicamente sen actividade. Mentres, a patronal (encabezada por Monbús, Alsa e Arriva) continúa sen trasladar unha resposta concreta á solicitude de mediación cursada polas centrais sindicais o pasado venres no AGA, ante o bloqueo das negociacións e a pasividade da Xunta.

“Por agora, a patronal non aceptou a mediación, só remitiu un escrito moi ambiguo no que poñen condicións. Entenderíamos que se puxeran condicións durante a negociación, pero non para iniciala”, explica Ernesto López Rei, representante da CIG. Aclara que a parte social está á espera das xestións que poida realizar o Consello Galego de Relacións Laborais “para comprobar se realmente a patronal ten vontade de negociar ou vai rexeitar a mediación”.

O requisito que pretende impor a patronal é a suspensión da folga “algo que saben que non imos asumir, cando non se produciu ningún tipo de avance nin hai mesa de negociación aberta”. López Rei engade que ademais o mecanismo do AGA non recolle a imposición de condicións previas para aceptar ou denegar unha mediación.

Denuncia que “o único que estamos a recibir por parte da patronal son entorpecementos e manobras retortas. Parece que queren meter o conflito nunha canella sen saída e se iso acontece, a única responsabilidade será da patronal”, asevera. O representante da CIG subliña a firmeza e a vontade do persoal a continuar na loita para acadar un convenio digno: “se hai mediación iremos negociar e se non hai, seguiremos resistindo”.

Neste senso, amósase moi crítico co papel da Xunta de Galiza “que permanece de perfil malia o endurecemento do conflito”. Denuncia que logo de nove xornadas de folga co transporte de viaxeiros/as por estrada da Coruña practicamente paralizado, “a Xunta permanece impasíbel, cando debería estar traballando para resolver o conflito e pondo as bases para estabelecer unha negociación. Porque este conflito non se vai solucionar sen negociación”, reitera.

Lamenta a pasividade do Goberno galego “a quen non lle importa nin as condicións laborais do sector nin os dereitos das persoas usuarias que cada día de folga quedan sen servizo”.

Neste contexto de inmobilismo patronal, adianta que a xornada de folga convocada para o próximo venres tamén se fará efectiva e lembra que o paro xeral pasará a ter carácter indefinido o 2 de febreiro se non se producen avances.