O persoal do transporte sanitario non urxente de Ferrol mobilizarase contra o deterioro das condicións de traballo

A FGAMT-CIG denuncia que a falta de medios e as modificacións constantes provocan a precarización e a saturación do servizo
Ferrol - 27 Mai 2024

Os traballadores e as traballadoras do transporte sanitario non urxente da área de Ferrol acordaron pór en marcha un calendario de mobilizacións ante os sucesivos incumprimentos das empresas concesionarias: Servicios Sanitarios del Cantábrico, Ambulancias Ortigueira e Ambulancias del Nordés, integradas todas elas nunha UTE.

Así o anunciou a FGAMT-CIG de Ferrol este luns nunha comparecencia para os medios na que tamén se advertiu do deterioro das condicións de traballo e se instou ao SERGAS, como titular dos contratos, a supervisar e controlar o cumprimentos dos pregos.

 As datas das mobilizacións, explicou a secretaria comarcal da FGAMT-CIG, Bea Fernández, iranse concretando nos vindeiros días, mais de non darse unha solución pronta ao conflito, as protestas intensificaranse non descartando incluso a convocatoria dunha folga.

"A CIG leva catro anos nos cales, a través da acción sindical e de negociacións, foi quen de estabelecer un servizo cunhas condicións dignas de traballo para o persoal e satisfactoria para as persoas usuarias", subliñou. Porén, nos últimos meses a falta de medios e as modificacións constantes no servizo están a provocar a precarización e a saturación deste.

Desta situación, advertiu Fernández "é cómplice a Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol pois, de xeito unilateral, está a impoñer a realización dunhas tarefas e funcións que non corresponden ao persoal do transporte sanitario", senón que son propias doutras categorías profesionais dependentes do propio SERGAS. Que o persoal das ambulancias teña que asumir esta actividade provoca "que se retrasen máis aínda os tempos de traslado dos e das pacientes".

A intención da parte sindical, apunta Fernández, "non é provocarlle molestias aos usuarios e usuarias, senón defender as condicións laborais do persoal de transporte sanitario, pois unhas mellores condicións de traballo redundarían nunha mellora do servizo emprestado á cidadanía".

A CIG continuará a defender un servizo no que prime a calidade da atención que se presta aos usuarios e usuarias "por enriba da lóxica economicista que practica a Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol e que prexudica gravemente o servizo".