O persoal docente responde con contundencia á xestión de Educación na segunda xornada de folga

Denuncia diferenzas entre centros e etapas, desprotección do persoal de risco e falta de transparencia
Nacional - 23 Set 2020

Malia os servizos “máximos” impostos pola Xunta e o feito de que hoxe só tiñan lugar presentacións nalgúns niveis e grupos, o persoal docente volveu responder contundentemente contra o protocolo e a xestión educativa da crise sanitaria por parte da Xunta de Galiza, na segunda xornada de folga convocada pola CIG-Ensino, CC OO, STEG e CSIF. Unha convocatoria na que denunciarion os sucesivos protocolos publicados pola Consellería de Educación -hoxe saíu unha nova versión, coa modificación que inclúe os anteparos e a semipresencialidade como alternativas ao metro e medio de distancia- e a xestión xeral desta pandemia nos centros educativos.

Malia todos os atrancos postos para que o persoal docente puidera secundar a folga, coa imposición duns servizos mínimos abusivos, que obrigaban a estar presentes un profesor ou profesora de cada grupo, e o inicio gradual que fai que hoxe practicamente só haxa presentacións nalgún curso, o profesorado volveu reaccionar contundentemente e participou en diversas concentracións celebradas en todo o país esta mañá.

Na que tivo lugar en Compostela, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, subliñou que foi grazas ás mobilizacións, concentracións e denuncias feitas polas organizacións sindicais, profesorado e equipos directivos dos centros que se conseguiron “pequenos e aínda insuficientes avances que non se terían acadado sen a presión social”, como o incremento de docentes na educación secundaria, no bacharelato e na FP e que “permiten que nalgúns centros se teñan unhas condicións minimamente dignas”.

Con todo denunciou que esa non é unha situación xeneralizada porque “non se tratou nin a todos os centros, nin a todas as etapas educativas por igual” e que houbo “unha inmensa arbitrariedade por parte da inspección educativa e da consellaría”. Así asegurou  que “mentres que en infantil, primaria e educación especial non se garante o metro e medio de distancia entre o alumnado, principal medida xunto coa diminución de ratios na aula para reducir a posibilidade de contaxio no caso de producirse un positivo, nos niveis superiores as diferenzas establécense entre centros”.

Nese sentido explicou que hai centros que teñen practicamente todo o que solicitaron e hai outros que non teñen nin a metade do profesorado necesario e mesmo “moitos centros que, malia a acreditar espazos suficientes para facer desdobres foron obrigados a recorrer a unha semipresencialidade para a cal non hai ningún tipo de plan nin preparación”, dixo.

Advertiu de que a semipresencialidade “non se pode dar da noite para a mañá” e asegurou mesmo hai profesorado ao que se lle está indicando que “vai ter que atender simultaneamente ao alumnado que ten presencial na aula e a aquel que vai ter na aula virtual”. Indicacións recibidas por escrito con indicacións de que, ademais terán que dar resposta ás consultas que faga ese alumnado, a través da aula virtual, ao tempo que dá clase. Unha pretensión que cualificou de “barbaridade”.

Inutilidade das mamparas se non se garante o metro e medio

Como “barbaridade” cualificou tamén o uso das mamparas se non se garante o metro e medio “tal e como recollen todas as recomendacións estatais e internacionais” e sinalou que nestes días “estamos vendo xa imaxes de aulas con mamparas que son unha auténtica aberración porque se manteñen cunha gran ocupación, eliminan espazo para o movemento do alumnado, dificultan a ventilación interior e supoñen unha maior complicación á hora de limpalas e mantelas hixienizadas”.

Precisamente o criterio desigual aplicado pola Consellaría nos distintos centros dos niveis educativos que comezan hoxe o curso é un dos motivos que segue causando gran malestar nos institutos galegos. “Deixouse para o último momento a planificación ao respecto de buscar espazos que garantiran o distanciamento de seguridade de metro e medio e os desdobres e moitos centros que dispoñían desa solución ou que mesmo a podían ter buscado en colaboración cos concellos durante o verán víronse obrigados a optar pola semipresencialidade, o que implica unha merma importante da calidade educativa, unha atención desigual en función das condicións de conectividade e recursos do alumnado e aínda por riba unha sobrecarga de traballo para o profesorado que este ano xa ten que facer fronte a un curso cheo de incidencias e de novas instrucións”.

Polo demais, afirmou, “a solución dos anteparos, que conta cun rexeitamento frontal por parte de toda a comunidade educativa, parécenos aínda peor e cremos que ese orzamento se podería ter destinado a reforzar a seguridade das aulas coa contratación de máis profesorado de reforzo e a autorización de desdobres”.

Profesorado en situación de risco

A maiores das queixas que está habendo nos centros pola xa escaseza de material de protección e o feito de que sexa o propio profesorado o que teña que custealo, “seguimos sen saber nada da reclamación de que se adapte o posto de traballo ao persoal con patoloxías graves ou mulleres xestantes. De momento non nos consta cal é a resposta que están dando os Servizos de PRL provinciais ás solicitudes que se teñen formulado tanto de persoal docente como non docente desde comezos de mes”, comentou o secretario nacional do sindicato maioritario no ensino público galego, que instou á administración a negociar esta cuestión.

Reiterou, diante de todo isto que os logros conseguidos “son insuficientes” e chamou a “non sermos cómplices da decisión da consellaría de Educación de seguir para adiante nunha falsa normalidade”.

Por iso demandou a unidade necesaria para seguir denunciando a xestión da consellaría  e fixo un chamamento a “profesorado, equipos directivos e sindicatos” a estar encima de todas as irregularidades que se cometan e a denuncialas para que socialmente se coñeza que esta situación. “É unha grave irresponsabilidade á que nos obriga a consellaría”, dixo. “Deamos resposta, non descansemos e teñamos moi claro que nin coa saúde, nin coa educación se debe xogar”, concluíu.

Opacidade na xestión dos contaxios

A CIG-Ensino aproveitou tamén a xornada de folga de hoxe para reclamarlle á administración transparencia e rigor á hora de facer públicos os datos de contaxios e a xestión das corentenas dos grupos ou dos centros afectados. “Non é de recibo que, despois de serlle demandada esta información por escrito ao conselleiro, para que se faga pública diariamente na páxina web da Consellaría -dado que tanto familias como profesorado e alumnado descoñecen o que está pasando nos seus centros-, a administración informe só a algúns medios de comunicación da desagregación de datos por colexios e institutos. Toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral ten dereito a coñecer mediante un sistema público e transparente estes datos actualizados diariamente”, reclamou Suso Bermello.

O secretario nacional de CIG-Ensino lembrou ademais os problemas de conciliación que xa están a ter moitas e moitos docentes para coidar as súas crianzas cando se decretan corentenas na súa aula. Neste sentido, concluíu que “é preciso que se negocie canto antes un sistema de permisos retribuídos para estas casuísticas que serán constantes ao longo do curso e necesarias se queremos frear a transmisión da enfermidade dentro dos centros, á vez que reclamou unha Mesa Sectorial para tratar o tema da teleformación ou da semipresencialidade, porque implica cambios moi relevantes nas condicións de traballo do profesorado, e para a que a Consellaría segue sen ter un plan específico”.