O persoal dos centros de Política Social continúa coas protestas en demanda de melloras laborais

Hoxe tivo lugar a 13ª xornada de mobilizacións ante a nula resposta por parte da Xunta

Nacional -

O cadro de persoal dos centros de atención directa dependentes da Consellaría de Política Social continuou esta mañá coas protestas para reclamar melloras laborais que repercutirían moi positivamente na atención aos usuarios/as. A de hoxe foi a 13ª xornada de mobilizacións dende que o pasado 28 de maio desen comezo as concentracións semanais diante dos centros de traballo.

Segundo denuncian dende o sector de Autonómica da CIG-Administración, en todo este tempo a resposta da Xunta do departamento que dirixe Fabiola García “foi nula”, polo que é de supoñer as as protestas continuarán nas vindeiras semanas.

Os sindicatos convocantes -CIG, CCOO, CSIF e UGT- demandan unha xuntanza cos responsábeis de Política Social para abordar tanto as problemáticas existentes nos centros como as condicións nas que se atopa o seu persoal.

“As temáticas van dende a revisión dos cadros de persoal, a recuperación de dereitos laborais suspendidos, a transformación de traballo precario en estable, e un longo etcétera de cuestións que de resolvérense suporía unha mellora das condicións laborais e da atención que se presta aos usuarios/as”.

Ao mesmo tempo, sinalan que se trata de traballadores que están moi expostos/as a posíbeis contaxios por coronavirus “porque desenvolven o seu labor en centros de maiores, menores, persoas con discapacidades, escolas infantís, centros ocupacionais, centros de día, etc”.

Diante disto, apostan por continuar coas mobilizacións no caso de que non se cree unha mesa de diálogo “problemática é grande e a súa solución urxente”. Polo que agardan que a Xunta “atenda unhas demandas xustas porque representaría unha mellora na atención das persoas que reciben estes servizos”.

Volver