O persoal galego de iberdrola, en loita para reclamar o mantemento dos postos de traballo na nosa terra e unha suba salarial ligada ao IPC tras 11 anos cos soldos practicamente conxelados, está chamado a participar este sábado 23 de maio na manifestación organizada pola CIG e a central vasca ELA no Barco de Valdeorras. A marcha arrincará dende o hospital ás 12:00 horas e rematará na praza do Concello, diante da Asociación Empresarial de Valdeorras, da que fai parte Iberdrola.
As dúas centrais teñen convocada tamén unha xornada de folga en todas as instalacións de Iberdrola en Galiza, Euskal Herria e Nafarroa o vindeiro 29 de maio para reclamar cando menos unha actualización de soldos a IPC, pero a dirección ofrece como moito un 1,5%, pero sempre e cando se cumpran os máximos beneficios económicos contemplados na súa proposta.
A empresa ofrece unha suba de soldos de como moito un 1,5%, pero sempre e cando se cumpran os máximos beneficios económicos contemplados na súa proposta
Ao mesmo tempo, dende a CIG denuncian o “nulo avance” das negociacións do convenio durante os últimos 16 meses polo inmobilismo dunha empresa que bate récords de beneficios ano tras ano e pola “inacción” dos sindicatos estatais, “que rexeitan a convocatoria da folga”. A folga coincidirá coa celebración da xunta xeral de accionistas de Iberdrola en Bilbo, que o persoal aproveitará para desenvolver unha concentración diante da sede da empresa.
“Está previsto que ese día a dirección reparta bonus por valor de 400 millóns de euros, cando nós levamos 11 anos cunha suba salarial do 0,7%”, censuran dende a representación da CIG na compañía eléctrica. Para o actual convenio, a oferta empresarial contempla que se se acadan o 100% dos resultados marcados pola compañía fíxase un tope de suba salarial do 1,5%, e se non se conseguen o incremento sería do 0,5%. Mentres que se se supera nun 20% o establecido por Iberdrola o tope sería dun 3%, “cando o IPC este ano xa está no 3,4%”. En todos os casos suporía, polo tanto, perda de poder adquisitivo e empobrecemento do persoal “a pesar de que os beneficios serían milmillonarios”.
Perda de poder adquisitivo
Dende a parte social lembran que Iberdrola obtivo un beneficio neto de 25.000 millóns dende a firma do último convenio colectivo, “e segundo as estimacións da propia empresa o récord de ganancias anual seguirase batendo no futuro”. Pola contra, o cadro de persoal, perdeu nese mesmo período un 20% de poder adquisitivo, mais tamén os trienios e a segunda tarifa de persoa empregada para o persoal xubilado.
Non pedimos nada esaxerado, só recuperar o poder adquisitivo perdido
“Non estamos pedindo nada esaxerado, reclamamos recuperar o poder adquisitivo perdido e unha suba salarial ligada ao IPC real; e os datos económicos que a propia empresa facilita din que a suba salarial que solicitamos é perfectamente asumible e non pon en risco a viabilidade nin os resultados da compañía”. Polo que fan un chamamento a participar tanto na manifestación deste sábado como na folga do día 29, que en Galiza afectará ás 29 instalacións que Iberdrola ten no noso país, entre centrais hidroeléctricas, subestacións, parques eólicos ou a propia sede da compañía na Rúa de Valdeorras.