O persoal galego de Vodafone rebélase contra o despedimento de 41 compañeiros/as

Están a desenvolver paros en Vigo e na Coruña contra o ERE extintivo anunciado pola empresa
Vigo/Coruña - 31 Xan 2019

Os traballadores/as galegos/as de Vodafone iniciaron unha campaña de mobilizacións para rexeitar o ERE extintivo que suporá o despedimento de 41 dos 181 empregados/as que a compañía de telecomunicacións ten no noso país. O martes comezaron cos paros dunha hora convocados a nivel estatal, que continuaron hoxe cun amplo seguimento. Para mañá teñen convocada unha xornada de folga de 24 horas só en Galiza, que aproveitarán para mobilizarse diante do Concello de Vigo de 11:00 a 13:30 horas.

O cadro de persoal de Vodafone decidiu plantarlle cara á decisión da empresa de aplicar un ERE extintivo que afectará a 1200 dos 5209 traballadores/as que ten no conxunto do Estado. No caso galego, a medida suporá o despedimento de 32 empregados/as nos dous centros de traballo que a compañía ten en Vigo e de nove nos dous que ten na Coruña.

Os paros dunha hora que se iniciaron o martes e que continuaron hoxe tiveron un elevado seguimento entre o cadro de persoal, tanto no noso país -onde foron secundados polo 75% dos traballadores/as- como no resto do Estado, onde pararon 1900 empregados.

Este venres 1 de febreiro hai convocado un paro de 24 horas en Galiza e unha mobilización diante do Concello de Vigo ás 11:00

Ademais, segundo explican os delegados/as da CIG no comité de Vodafone, onte rexistrouse a convocatoria de paros de 24 horas tamén a nivel estatal entre os días 11 e 22 de febreiro, data na que rematarán as negociación do ERE.

No caso de Galiza estes paros de 24 horas foron solicitados todos os días laborábeis dende o 1 ao 22 de febreiro, sendo mañá venres 1 de febreiro a primeira das xornadas nas que se van facer efectivos, tanto en Vigo como na Coruña. Coincidindo coa convocatoria, o persoal da cidade olívica desenvolverá unha protesta diante do Concello de 11:00 a 13:30 horas para alertar que a medida non só terá afectados/as directos/as, “senón tamén indirectos/as como poder ser os empregados/as de Bosch que están vinculados/as a proxectos con Vodafone”.