O persoal médico de Atención Primaria rexeita o novo contrato de continuidade do Sergas

O colectivo entende que perpetúa a precariedade e pon en perigo o modelo asistencial actual
Nacional - 13 Mar 2019

O persoal médico eventual do Sergas, agrupado no colectivo Precarias pola Atención Primaria, amosou hoxe o seu rexeitamento ao contrato de “continuidade”, vixente dende o pasado 31 de xaneiro, que afecta tanto a médicos/as de familia como a pediatras de Atención Primaria. Denuncian que perpetúa a precariedade e pon en perigo o modelo asistencial actual, que persegue que cada paciente sexa sempre atendido polo mesmo profesional.

Os representantes do colectivo, que hoxe compareceron en rolda de prensa en Vigo, consideran que non se trata de contratos de estabilidade senón de “continuidade da precariedade”, tanto para o persoal médico como para a atención do paciente, “xa que pon en perigo o modelo asistencial actual, que persegue que cada paciente sexa sempre atendido polo mesmo médico/a”.

Entre as repercusións para o paciente, salientan que obriga o médico/a a traballar en varios centros de saúde da área sanitaria, cubrindo por días a diferentes médicos, e así durante varios anos. “É dicir, é un contrato de médico de área/pediatra de área, onde cada paciente adulto/a ou neno/a, será atendido/a cada día por un médico/a diferente”.

Para o médico eventual supón que polas condicións e dispoñibilidade sen límites que se lle obriga a aceptar lle sexa imposíbel conciliar a vida familiar e laboral pola gran inestabilidade que supón non só o aumento da xornada, senón tamén o ter o 40% do horario do mes sen fixar. “O Sergas pode avisar a calquera hora do día, da noite ou festivo para a incorporación inmediata a consultas ou gardas nun punto xeográfico non determinado, e así cada día de cada mes durante o tempo que dure o contrato”, critican. 

A praza de médico de área implica desmantelar a Atención Primaria

Este contrato afecta tamén o persoal médico titular (fixo), xa que non só é para médicos/as temporais, senón que abre a porta á creación da praza estrutural de médico de área. “E esta praza fixa perpetúa as condicións do contrato de precariedade tanto para o médico/a como para o paciente e implica o desmantelamento do sistema actual de Atención Primaria tal e como o coñecemos”.

Neste senso, sosteñen que a aparición da figura de médico de área/pediatra de área supón a desaparición da actual figura do médico/a de familia, xa que se elimina un dos alicerces fundamentais da Atención Primaria: a lonxitudinalidade na asistencia, que persegue que cada paciente sexa sempre atendido polo mesmo médico/a. “Sabemos que como eventuais sempre imos sacrificar algo, pero non queremos sacrificar a calidade e a lonxitudinalidade da nosa asistencia aos pacientes”, sinalan.

Oposicións para cubrir prazas vacantes

Polo tanto, amosan o seu frontal rexeitamento ao novo contrato “porque non queremos ser cónplices da precarización do sistema público de saúde” e consideran que a solución vén da man da creación de contratos de estabilidade a través da oferta pública de emprego. Para isto, entenden que a Xunta debe convocar oposicións que garantan que se cubran as prazas vacantes das xubilacións e a creación de novas prazas, derivadas non só da masificación das cotas senón tamén da maior complexidade das probas diagnósticas, da maior demanda e do avellentamento da poboación.

“Aínda que anuncien unha convocatoria con 250 prazas, estas non chegan nin de lonxe para cubrir as vacantes a día de hoxe en Galiza, nin as xubilacións en masa dos próximos cinco anos”, inciden.

Finalmente, consideran moi difícil que a situación actual do sistema sanitario galego derivada dos recortes poida mellorar unicamente “coa cobertura que poidamos dar os médicos/as eventuais, por moito que sigan precarizando as nosas condicións, porque, como xa deixaron claro os xefes/as de servizo dimitidos/as na área viguesa, non se pode organizar a miseria”.