O persoal municipal de Cambre decidiu en asemblea retomar as mobilizacións ante a falta de cumprimentos nas súas principais reivindicacións e a resposta insuficiente do Concello, tras máis de 15 meses de mandato de Diana Piñeiro. Durante a asemblea, o persoal trasladou numerosas queixas sobre as súas condicións de traballo e o trato recibido por parte do Goberno municipal, do que, segundo dixo a representación unitaria, a propia alcaldesa manifestou non ter constancia deste malestar.
Ante este escenario, a asemblea acordou por unha amplísima maioría retomar as concentracións e mobilizacións diante do Concello e constituír un comité organizador, integrado polo persoal e polas persoas delegadas electas, para planificar novas accións, sen descartar a convocatoria de folga.
Para a CIG, o acontecido confirma tamén as súas preocupacións sobre o funcionamento da negociación colectiva no Concello. O sindicato xa reclamara formalmente información sobre as Mesas Xerais de Negociación celebradas en 2026 e sobre cuestións como o teletraballo, o capítulo I do orzamento, o Fondo Social e a produtividade.
A CIG reclama que estas cuestións se leven aos únicos espazos legalmente previstos para a negociación colectiva: as Mesas Xerais de Negociación, onde deben quedar reflectidos en acta os acordos, desacordos e posicionamentos de todas as partes.
“As cuestións laborais que afectan ao persoal municipal non se negocian no despacho da alcaldesa. Queremos luz e taquígrafos», sinala a CIG. “Se hai asuntos que negociar, deben facerse nas mesas correspondentes, con todas as organizacións sindicais que teñan dereito a participar e onde queden reflectidos todos os posicionamentos, tamén os do Goberno municipal”.
O sindicato considera que o persoal municipal está “farto das medias tintas e dos xogos de trileiros” e advirte de que, se non hai respostas e cumprimentos reais, as mobilizacións continuarán e poderán intensificarse.
Descoñecemento da comisión técnica para a RPT
No decurso da asemblea, a representación electa do persoal trasladou os contidos da reunión mantida na xornada previa coa alcaldesa e co concelleiro responsábel de Recursos Humanos. Segundo explicaron, o Goberno comprometeuse a levar ao pleno de outubro unha nova regulación da produtividade, mais o persoal segue sen percibir as cantidades correspondentes aos tres primeiros trimestres de 2026.
No relativo ás axudas do Fondo Social, a alcaldesa limitouse, segundo se informou na asemblea, a comprometerse a “intentar” que as correspondentes a 2022 se abonen antes de final de ano. Deste xeito, continúan pendentes, as solicitudes dos exercicios 2022, 2023, 2024 e 2025.
Outro dos asuntos abordados foi a Relación de Postos de Traballo (RPT), para a cal o Goberno asegurou que unha suposta “comisión técnica” está traballando nela. “A CIG descoñece cando se constituíu, a súa composición, o seu obxecto e o seu procedemento de traballo. A única actuación coñecida é unha instrución emitida onte polo responsábel de Recursos Humanos solicitando información sobre determinadas cuestións dos postos A1 e A2, como expedientes atendidos, funcións non exercidas, informes emitidos ou inspeccións e visitas realizadas”, apunta a responsábel de Administración Local da CIG da Coruña, Cristina Díaz.
Sobre este punto, a central salienta que unha valoración de postos debe analizar globalmente cada posto, as súas funcións, complexidade, responsabilidade e coordinación co resto da organización, e non limitarse a determinadas categorías. “Que entende o Goberno de Cambre que é unha valoración de postos de traballo? Un reparto dunha tarta? Os xogos da fame?”, cuestiona Díaz, que considera especialmente preocupante que non se estea abordando a realidade dos postos de categorías inferiores, imprescindíbeis para o funcionamento diario dos servizos municipais.
Carrerira profesional e teletraballo
Outra das demandas que continúan sen resposta son a carreira profesional e o teletraballo. Desta última cuestión, segundo trasladou a representación unitaria, o Concello non amosou intención de recuperar nin de negociar un novo sistema, a pesar do malestar existente pola retirada do modelo anteriormente negociado e autorizado.
Na asemblea tamén se informou da actuación da Inspección de Traballo tras unha visita realizada hai meses que, segundo se indicou, ante o elevado número de situacións de incapacidade temporal, tería instado o Concello a realizar unha avaliación de riscos psicosociais antes de xaneiro de 2027.