O persoal municipal de Cambre segue coas mobilizacións ante a falta de avances para reverter “a penosa situación do Concello”

Seguen sen cobrar todos os conceptos das nóminas pendentes e a suba do 0,5%, non hai acordo para a carreira profesional, non se reforzan os efectivos e ademais preténdese modificar a produtividade
Cambre - 27 Nov 2025

Coincidindo coa celebración do pleno municipal, o persoal do Concello de Cambre volveuse concentrar este xoves diante da Casa Consistorial para denunciar a "penosa situación" administrativa e a falta de avances na solución ás múltiples problemáticas que se arrastran dende hai anos.

A representación das traballadoras e traballadores denuncia que, tras a ruptura unilateral do diálogo por parte da alcaldesa, non se produciu ningún avance para resolver as múltiples problemáticas laborais e poder ofrecer unha prestación dos servizos públicos adecuada.

“Seguimos sen cobrar todos os conceptos das nóminas que estaban pendentes, nin a regularización da suba do 0,5% dos salarios, nin as axudas dos anos 2022, 2023 e 2024, e actualmente está pendente a produtividade do terceiro trimestre. O único que sabemos é que os asuntos están na mesa do xefe de Urbanismo e Réxime Interior, como outros moitos, pero sen data de resolución nin previsión de ningún tipo”, denuncian.

A Xunta de Persoal apunta que, contrariamente ao manifestado pola alcaldesa, non existe acordo para a carreira profesional e a proposta presentada polo persoal no mes de xullo continúa pendente de informe “na mesma mesa na que están as axudas sociais, tamén sen data para a emisión e sen a correspondente mesa de negociación”.

O Goberno municipal tampouco deu a coñecer unha proposta, plan ou proxecto para o imprescindíbel reforzo do departamento de persoal “que leva meses dependendo dun auxiliar. Tampouco temos información respecto á urxente cobertura de vacantes e á execución das ofertas de emprego público xa aprobadas”.

Nos últimos tempos ademais producíronse traslados de oficinas sen comunicar os motivos á representación legal e sen que estes cambios “pareza que melloren o funcionamento do concello”.

Para agudizar o malestar do persoal, este mes, a Alcaldía ditou unha instrución coa que pretende modificar a produtividade sen seguir o procedemento legal, negociar na mesa correspondente e levar a súa aprobación ao pleno.  Contra desta instrución a Xunta de Persoal xa presentou recurso e advirte que constitúe unha “estraña interpretación do regulamento aprobado, que faría case imposíbel cobrar a produtividade”.

Por todo iso, a Xunta de Persoal acordou seguir coas mobilizacións “porque temos dereito a ter postos de traballo dignos e porque a veciñanza ten dereito a ter unha administración local que funcione e que lle preste os servizos de calidade que merece, cousa imposíbel na actual situación”.