O persoal municipal de Cariño continúa adiante coas mobilizacións para exixir a aprobación da RPT

Convocan cazoladas todos os venres, unha xornada de folga parcial para o 30 de xaneiro e unha manifestación o próximo domingo, día 25
Cariño - 19 Xan 2026

O persoal municipal do Concello de Cariño continúa adiante coas mobilizacións para reclamar a aprobación da Relación de Postos de Traballo e que se respecten os seus dereitos laborais e salariais. Ante a negativa da alcaldesa a negociar e aplicar a sentenza xudicial, as traballadoras e traballadores acordaron realizar concentracións con cazolas, ás 11:45 horas, todos os venres de xaneiro diante da Casa Consistorial.

Estas protestas, que se suman ás realizadas no mes de decembro, irán acompañadas dunha xornada de folga de catro horas (das 10 ás 14 horas) o venres 30 de xaneiro e dunha mobilización polas rúas do municipio nesa xornada.

Ademais, o próximo domingo, 25 de xaneiro, as traballadoras e traballadoras sairán en manifestación ás 12:00 horas dende a Avenida do Sagrón até ás portas da Casa Consistorial, onde darán lectura a un manifesto. O calendario mobilizacións deste mes inclúe tamén unha concentración coincidindo coa celebración do pleno municipal para facer chegar as reivindicacións sociais á alcaldesa e mais a toda a Corporación local.

O persoal lembra que leva máis de 18 anos intentando que se saque adiante unha nova Relación de Postos de Traballo e que xa hai unha sentenza xudicial (a raíz da reclamación presentada pola CIG) que obriga o Concello a negociar e aprobar a RPT. Porén, dende o mes de maio non se volveu reunir a mesa negociadora, polo que o pasado mes o xulgado dirixiuse ao Goberno municipal para coñecer o estado da execución da sentenza.

Condicións precarias e falta de persoal

“O concello incumpre a resolución xudicial, o seu deber de negociar e condena o persoal, sobre todo ao que está nas categorías máis baixas, a unhas condicións de auténtica precariedade”, critica a secretaria comarcal da CIG-Administración de Ferrol, Carmem Viso.

Apunta que bo parte das traballadoras e traballadores do Concello de Cariño -como o persoal do SAF ou quen está nas categorías de peón- cobra o Salario Mínimo Interprofesional e nin sequera se lle aplica a suba do 2,5% acordada para o persoal empregado público “porque estes incrementos son absorbidos pola suba do SMI”.

A isto engádese que non se están respectando as condicións laborais e a sobrecarga de traballo derivada da falta de efectivos xa que na última década o Concello pasou de contar con 70 persoas traballadoras a ter menos de 50. Isto provoca que para poder prestar os servizos públicos haxa que acudir a realización “voluntaria” de horas extras que no caso dalgún colectivo como o SAF, quedaron sen compensar nin pagar.

Viso reitera que a RPT é un instrumento técnico organizativo que permite organizar os recursos humanos do concello: convocar novas prazas ou cubrir as xa existentes cando quedan vacantes coa finalidade de prestar os servizos públicos establecidos en cada administración; e ademais constitúe unha obriga legal.

Por iso, chama ao Goberno municipal e, nomeadamente, á alcaldesa, a retomar a negociación cunha vontade real de chegar a acordo e poder aprobar, por fin, unha RPT que dignifique as condicións de traballo e dote a esta administración dos efectivos necesarios.