O persoal municipal de Cariño segue en loita para exixir a negociación e aprobación da RPT

Coincidindo co quinto día de folga, as traballadoras e traballadores manifestáronse polas rúas da vila para que se escoiten as súas demandas
Cariño - 25 Mar 2026

Os traballadores e as traballadoras do Concello de Cariño continúan este mércores co calendario de folgas e mobilizacións para exixirlle ao Goberno municipal que sente negociar e aprobe unha Relación de Postos de Traballo xusta, que dote a esta administración do persoal necesario e remate coa precariedade laboral e salarial que padecen.

A folga rexistra un seguimento maioritario, con practicamente o 100% do persoal laboral secundando o paro, e para darlle visibilidade a súa loita, as traballadoras e traballadores manifestáronse polas rúas da vila até a Casa Consistorial nunha mobilización que contou co arroupe de compañeiros e compañeiras da CIG de Ferrol.

A de hoxe é xa a quinta xornada de folga contra a precariedade laboral e salarial neste Concello, “sen que até o momento haxa ningunha proposta por parte da Alcaldía nin ningún tipo de negociacións”, denuncia David Fernández, delegado da CIG. Malia isto, avanza que o persoal non se rende nin se resigna e “seguiremos pelexando polos nosos dereitos con novas mobilizacións”.

De feito, ante a falta de resposta da administración local, a folga continuará mañá xoves e tamén haberá paro o luns, martes e mércores da próxima semana. Ademais, este venres está previsto facer unha cazolada diante do Concello “para que nos escoiten e solicitarlle á alcaldesa que, ao igual que se está facendo nos municipios veciños, aprobe unha RPT que sexa xusta con todo o persoal”.

Fernández advirte que día tras día as condicións laborais e salariais continúan empeorando e a prestación dos servizos públicos está máis deteriorada polo déficit de efectivos. Ademais, non dispor de RPT provoca que non exista un criterio obxectivo para estabelecer as retribucións e que se acuda ao SMI para decidir o que vai cobrar cada quen.

Neste senso, apunta que o persoal se rexe por un convenio colectivo do ano 2005 que está sen actualizar e que os únicos incrementos que perciben son os que se acordan a nivel estatal para o persoal empregado público. E incluso nas categorías máis baixas, estas revalorizacións non chegan a aplicarse porque son absorbidas polas subas do salario mínimo.

A isto súmase que o Concello de Cariño está funcionando cuns orzamentos prorrogados dende a ano 2020 e non hai visos de que neste exercicio se vaian aprobar uns novos, posto que o equipo de Goberno nin sequera trasladou unha proposta de contas nin sentou negociar.