O persoal operador do 061 retoma as mobilizacións en demanda de que se paguen os incentivos adebedados

Concentráronse nos mitins do PP de Lalín e A Estrada e manifestaranse este mércores na Estrada

A Estrada -

O persoal operador do 061 retomou nestes últimos días as mobilizacións ante a redución dos incentivos, que pasaron dun 15% a un 10%, a negativa de Grupo Norte e a Fundación 061 a facer efectiva a diferenza tal e como se comprometera hai máis dun ano e a falta de resposta ás súas demandas. Exixen tamén que se apliquen as melloras sociais comprometidas, que Grupo Norte presentou para gañar o contrato, e que se manteña o complemento de destino para o persoal de substitución.

Traballadoras e traballadores da central de chamadas do 061, concesionada a Grupo Norte, recibiu aos representantes do PP á entrada dos mitins electorais deste fin de semana, en concreto os celebrados en Lalín e na Estrada e hoxe mesmo volverán a facelo no previsto en Ferrol. Ademais anunciaron a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro mércores, día 22 de maio, con saída de diante do concello ás 12:00 horas, e remate previsto na Praza da Farola.

Segundo explican, o comité enviou á concesionaria varios correos-e solicitando unha comunicación formal en relación á cuestión dos incentivos e demandando información sobre a porcentaxe final relativa ao pagamento dos do actual semestre.

A decisión de volver a se mobilizar adoptouse logo de que a empresa concesionaria, Grupo Norte, recoñecera a súa intención de non asumir o pago dos que se lles adebedan de 2017, porque a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias non lle fixo entrega da partida orzamentaria correspondente.

Xuízo pendente

Así as cousas, o xuízo que a representación das traballadoras e traballadores accedeu a aprazar por boa fe, a petición da Fundación 061 e Grupo Norte –e non estaba previsto que se dirimira a obriga de ambas as empresas a facer efectivo o pagamento dos incentivos- retómase e terá lugar en breve.

Ademais o comité acordou retomar as mobilizacións ao longo deste mes e volverán reclamar no AGA tanto isto como o complemento de destino para o persoal substituto; a adopción dunha orde de chamamentos á hora de contratar a este persoal e que se fagan efectivas as melloras sociais ofertadas por Grupo Norte nos pregos que nunca puxo a disposición do cadro de persoal.

Volver