O persoal público reincorporarase ao traballo presencial “sen plan de prevención á covid”

A sección sindical da CIG nos Servizos Centrais da Xunta presentou denuncia en inspección

Nacional -

Preto de 4.000 empregadas e empregados públicos reincorporaranse este martes, o día 22 de setembro, ao traballo presencial sen un plan de prevención para evitar contaxios pola covid. Así o advirte a sección sindical da CIG nos servizos centrais da Xunta de Galiza, que vén de presentar unha denuncia ante a Inspección de Traballo, este venres, para que sexa a Autoridade Laboral a que obrigue á administración a adoptar as medidas preventivas pertinentes “á vista de que a Xunta de Galiza non ten interese algún en facelo malia terllo demandado en numerosas ocasións”.

O persoal atinxido volverá ao seu posto de traballo en centros como o de San Caetano,  San Lázaro, Gaiás, A Barcia, Salgueiriños, Fontiñas, Conxo ou Mazarelos, entre outros, que suman miles de persoas, sen que se lle informara ou formara “nas medidas que ten que tomar para protexerse e protexer ás persoas usuarias fronte a Covid-19”, aseguran.

Saben que houbo unidades nas que se deron casos positivos, polo momento teñen información duns 19, mais non saben onde se produciron, nin se se adoptaron nesas unidades medidas para previr a expansión do virus. Descoñecen ademais se está previsto pór en marcha un plan preventivo de limpeza ou se se fixo un estudo de avaliación de riscos dos sistemas de ventilación.

Aseguran que veñen demandando desde hai tempo información sobre estas cuestións sen que desde a administración se puxera máis medida preventiva que a do teletraballo, malia haber numeroso persoal xa reincorporado.

Por iso demandan que se organice o traballo de modo que se reduza o máis posible o número de persoas traballadoras expostas, establecendo ao efecto quendas e posibilitando o teletraballo, coa participación das xuntas de persoal e comités de empresa correspondentes.

Medios materiais de prevención

A sección sindical da CIG chama a atención sobre o feito de que na inmensa maioría dos centros non se proporcionaran máscaras ao persoal cando é obriga de calquera empresa proporcionalas a todas as traballadoras e traballadores.

Por iso reclaman gafas antisalpicaduras, máscaras cirúrxicas, máscaras FFP2/FFP3, luvas desbotábeis (nitrilo e látex) e roupa de traballo desbotable de protección, segundo indique a ARL ou o RD 21/2020 e instrucións para o seu uso adecuado.

Tamén exixen que articulen medidas específicas para as persoas traballadoras especialmente sensibles (grupos de risco) e entenden que nestes casos “non é aceptable a presenza física no lugar de traballo cando é compartido por un número importante de persoal e usuarios, e moito menos a atención ao público”.

Transporte

Máis de 3.000 empregadas e empregados públicos trasládanse desde as súas localidades cara Compostela ou desde zonas distintas de Compostela até os centros de traballo en transporte público. Unha masificación que consideran que debería terse previsto mais “tampouco hai un plan de transporte” ou unha previsión de entrada escalonada que permitira evitar as aglomeracións en horas punta, minimizando o risco de contaxio tanto deste persoal como do resto de usuarias e usuarios.

Volver