O persoal técnico contra incendios reclama máis seguridade cunha protesta en Ourense

No marco da campaña de apoio á folga indefinida para demandar melloras laborais

Nacional -

Persoal técnico do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPIF) da Consellaría de Medio Rural desenvolveu unha nova mobilización esta mañá no marco da campaña de apoio da folga indefinida iniciada o pasado 1 de agosto para reclamar melloras laborais e unha resposta máis eficaz deste servizo público. Nesta ocasión a protesta, que tivo lugar diante do centro de coordinación provincial de Ourense, centrouse en demandar maior seguridade para os profesionais que participan nas labores de extinción dos lumes tras o recente accidente mortal de Lobios.

Estas protestas fan parte dos actos programados para denunciar a falta de negociación dun novo acordo de melloras organizativas do servizo, unha maior dotación de medios técnicos e humanos, asi como melloras nas condicións de traballo, "que sen dubida contribuirán a mellorar o SPIF e a poñer en valor o medio rural galego".

Nas concentracións celebradas dende o 1 de agosto nas catro provincias galegas participan un total de 48 técnicos forestais (o 100% do persoal libre de servizo). Na de hoxe en Ourense estiveron presentes todos/as os técnicos/as, agás os que teñen asignados servizos mínimos, "que seguen exercendo desde o compromiso e a responsabilidade a súas funcións de coordinadores dos incendios forestais en toda Galiza".

Próximas mobilizacións

Para darlle maior visibilidade ao conflito, ademais da folga, o persoal continuará coas concentracións periódicas na sede da Xunta e nos edificios administrativos onde se sitúan os centros de coordinación provinciais, nos seguintes días:

  • Ourense: 19 de agosto.

  • Pontevedra: 13 e 21 de agosto.

  • A Coruña: 15 e 23 de agosto.

  • Lugo: 17 e 25 de agosto.

Volver