O persoal técnico de incendios forestais continúa en folga indefinida despois de case un mes sen resposta

O seguimento é do 100% na provincia de Lugo e dun 80% de media en toda Galiza
Nacional - 25 Ago 2020

A falta de diálogo e negociación da consellaría de Medio Rural empurrou ao persoal técnico de incendios forestais a iniciar o 1 de agosto unha folga indefinida. Os sindicatos convocantes, CIG, CCOO, UGT e CSIF denuncian que transcorrido un mes aínda non obtiveron resposta algunha por parte da administración. Por iso se celebrou esta mañá unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo -xa van 12- e se manteñen as mobilizacións con carácter rotatorio, cada dous días, nas catro provincias.

O lema desta concentración foi “Por un servizo público de incendios forestais do século XXI”, que pretende resaltar a situación dun servizo de incendios forestais “ancorado no século XX e que non evolucionou a nivel técnico ante os cambios que o territorio, o clima e os propios incendios forestais o fixeron nas últimas décadas”.

Mellora da organización e coordinación

Entenden que a mellora na coordinación é un dos piares básicos para acadar unha mellor eficacia e eficiencia do dispositivo que traballa na prevención e extinción dos incendios forestais, e en definitiva manter verde a nosa paisaxe.

Por iso matizan que “non se pide un aumento de soldo senón unha mellor organización do traballo, melloras na seguridade e aumentar o cadro de persoal nos lugares cunha alta carga de traballo”.

Nese sentido afirman que loitan “contra os abusos horarios que impón a Xunta ao facer gardas de 24 horas cunha media de 500 horas ao ano por riba do calendario medio dos empregados públicos e no caso dos xefes de distrito ter unha disponibilidade de 24 horas, sete días á semana”.

O dispositivo de extinción de incendios está formado por unhas 6.000 persoas (unhas 1.500 en Lugo). Dese equipo de profesionais, pouco máis de 120 persoas (29 en Lugo) teñen o cometido de coordinar e xestionar todos os medios na extinción de incendios.

É o Persoal Técnico de Incendios Forestais -enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes- o que se concentra esixindo un novo acordo para as súas condicións de traballo e tamén para lograr unha resposta máis eficaz do servizo público que representan, tanto na extinción e prevención dos incendios forestais como na xestión forestal dos nosos montes.