O persoal técnico de incendios continúa en folga tras dúas semanas sen resposta da Xunta

Hoxe desenvolveu unha nova protesta, que nesta ocasión tivo lugar en Ourense
Nacional - 19 Ago 2020

A falta de diálogo e negociación da Consellaría do Medio Rural a respecto da renovación do acordo laboral de 2008 empurrou o persoal técnico de Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPIF) a iniciar unha folga indefinida o pasado 1 de agosto. Neste tempo a Administración non respondeu ás demandas do colectivo, que continúa con protestas cada dous días nas catro provincias galegas.

Dende as organizacións promotoras da folga -a CIG, CCOO, CSIF e UGT- salientan que a convocatoria está a rexistrar un seguimento masivo (por enriba do 80%, exceptuando o persoal de libre designación) na totalidade dos distritos forestais e nos catro centros de coordinación provinciais, “a pesar de que a Xunta emprega dende o principio prácticas que buscan limitar o dereito á folga, como cambios de carteleiras (para ampliar os servizos mínimos), externalización de servizos e derivación de tarefas cara a outro persoal”. 

A folga ten un seguimento masivo a pesar de que a Xunta emprega prácticas para limitalo

Dende o inicio da folga o persoal está a desenvolver concentracións nas catro provincias con carácter rotativo cada dous días. Hoxe mesmo celebrouse unha en Ourense, mentres que venres trasladarase a Pontevedra. O lema escollido nas últimas convocatorias foi 'Se somos esenciais, novo acordo xa', xa que se pretende facer fincapé na situación duns profesionais considerados “esenciais” no seu labor de traballo de emerxencias e que pola contra a Administración fixo “deixadez de funcións” ao non negociar un novo acordo de condicións de traballo.

O actual acordo foi denunciado hai un ano e está “desfasado” polos cambios na Consellaría, pola distribución de persoal e polas condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais. “Co acordo vixente non temos asegurada a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais, o que deixa desprotexido o servizo publico”.

As vindeiras mobilizacións celebraranse nas seguintes datas e lugares ás 11:00 horas:

  • Pontevedra: 21 de agosto.

  • A Coruña: 23 de agosto.

  • Lugo: 25 agosto.