O persoal técnico de incendios reclama melloras

Nacional -

O persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da Consellaría de Medio Rural atópase en folga indefinida dende o pasado 1 de agosto para reclamar melloras organizativas, unha maior dotación de medios técnicos e humanos e un novo acordo de condicións de traballo. Dende entón está a desenvolver un intenso calendario de mobilizacións, con protestas diante dos centros de coordinación de incendios das catro provincias.

O seguimento do paro segue a ser maioritario a pesar dos intentos de boicot por parte do departamento autonómico mediante descontos ilegais nas nóminas das persoas en servizos mínimos e coaccións para abandonar a folga con promesas de retorno destas cantidades, externalización a terceiras empresas de traballos propios do persoal técnico, cambios repentinos de quendas de traballo e gardas e mesmo “ameazas solapadas”. 

O persoal do SPIF atópase en folga indefinida dende o 1 de agosto

En consecuencia, os sindicatos convocantes –CIG, CCOO, UGT e CSIF– presentaron unha denuncia na Inspección de Traballo, mentres que a CIG baralla tamén outras vías de demanda. De feito, os servizos xurídicos da central están a estudar a posibilidade de emprender accións xudiciais ao entender que con estas actuacións a Consellería vulnera o dereito fundamental de folga do seu persoal. “Trátase de actitudes reprobables e impropias dunha Administración que debera dar exemplo no respecto aos dereitos e liberdades fundamentais vixentes nunha sociedade democrática”, sinalan dende as centrais.

Ao tempo que censuran a “actitude hostil e o esquirolismo patronal” por parte de Medio Rural, nun intento de “coartar, intimidar e obstaculizar” o lexítimo dereito á folga. Mais queren deixar claro que o conflito e as mobilizacións non só van persistir, senón que se poden radicalizar. Con todo, apelan “ao diálogo, ao consenso e á sensatez” e agardan que se produza a apertura dunha mesa de negociación canto antes para achegar posturas e superar o conflito.

Volver