O PLADIGA 2026 mantén conxelado o persoal propio e afonda na externalización do operativo de alto risco

A CIG demanda un servizo de incendios forestais 100% público, profesionalizado e único, con igualdade de condicións laborais e salariais
Nacional - 26 Mar 2026

A CIG-Administración Autonómica advirte que o PLADIGA 2026 non incorpora ningunha praza nova de persoal propio da Xunta de Galiza para a extinción de lumes no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Critica que se manteñen exactamente os mesmos efectivos que en 2025, 276 brigadas de terra e 12 brigadas helitransportadas, e que a administración segue sen convocar ás organizacións sindicais para negociar as condicións e organización do traballo.

“Nin máis persoal técnico, nin bombeiro, nin emisorista-vixiante, nin axentes de investigación (UIFO) ou persoal director técnico de extinción. O único incremento de persoal propio no PLADIGA 2026 concéntrase en 15 postos de axentes UDEX (para xestión de grandes incendios)”, denuncia a CIG-Autonómica.  En total, para o alto risco contarase entre persoal directivo, xefaturas, técnicos/as, axentes, vixiantes e emisoristas, bombeiros/as forestais, condutores/as de motobomba etc. (tanto fixo-descontinuo como funcionario) con 3.069 traballadoras e traballadores.

A novidade: o reforzo de medios pola empresa pública

O único reforzo anunciado prodúcese a través da contratación externa con 42 brigadas de terra (168 bombeiros/as forestais). Mais non se trata de persoal propio, senón como se indica no propio Anexo de medios do PLADIGA, como “empresa pública”. Polas informacións trasladas na mesa coas organizacións sindicais, SEAGA non ten coñecemento de que o reforzo sexa a través desta sociedade, polo que a CIG-Autonómica cuestiona se a contratación será a través de TRAGSA,  unha empresa de participación pública (51%) co goberno estatal.

Cambios limitados nos medios aéreos

Neste punto, o plan incorpora algunhas modificacións -aumenta avións de carga en terra e elimina anfibios, incorpora un helicóptero pesado e un avión de coordinación-, pero sen supoñer un reforzo estrutural do operativo, que segue directamente privatizado, incluso a maior parte do persoal das brigadas helitransportadas. Fronte a este modelo, a CIG insiste en que deben depender da Xunta.

Máis convenios municipais, malia o fracaso do modelo

Tras a vaga de lumes de 2025, que puxo en evidencia importantes deficiencias organizativas, a Xunta non só non revisa o sistema de convenios con entidades locais, senón que o amplía. As brigadas municipais pasan de 184 a 190, afondando nun modelo baseado na fragmentación e na descentralización de responsabilidades que xera riscos e descoordinación.

A este respecto, a CIG-Autonómica explica que os convenios “trasladan aos concellos a responsabilidade de contratar, formar e equipar ao persoal. Isto provoca atrasos na posta en marcha dos equipos, que en moitos casos non están plenamente operativos até ben entrado o verán, cando o risco xa é máximo”. Ademais, a atomización dos recursos dificulta a coordinación e reduce a eficacia do dispositivo, co problema engadido para conseguir persoal ou de xefes/as de brigada “que foxen da precariedade e buscan mellores condicións laborais en plena campaña cos chamamentos de substitución no SPIF”.

Persoal non profesional en primeira liña

A central nacionalista alerta que este sistema se basea na incorporación de persoal non profesional para tarefas de alto risco. Pero nun escenario marcado polo cambio climático, con incendios máis intensos, rápidos e perigosos, “resulta imprescindíbel contar con persoal profesionalizado. O contrario supón poñer en risco ás propias persoas traballadoras -moitas delas sen experiencia suficiente-, ao conxunto do operativo e á cidadanía”.

Accidentes que non se analizan

Os accidentes graves rexistrados durante a campaña de 2025, que afectaron a persoal en intervención directa, evidencian as consecuencias deste modelo. Porén, o PLADIGA 2026 non incorpora unha análise nin medidas correctoras sobre esta realidade.

Vulneración do recoñecemento profesional

Doutra banda, a CIG-Autonómica critica que a utilización no PLADIGA do nome de categorías como “peón” ou “xefe de brigada” para o persoal que realiza tarefas propias de extinción, tanto na empresa pública como nos concellos ou na privada, supón un grave retroceso no recoñecemento profesional. O Código Nacional de Ocupacións e a Lei básica de bombeiros forestais aprobada en 2024 estabelecen claramente a figura de bombeiro/a forestal como referencia para estas funcións.

Deste xeito, non empregar esta denominación “implica deixar a este persoal fóra de dereitos fundamentais vinculados á súa actividade, como o horario e descansos, recoñecemento de enfermidades profesionais, a xubilación anticipada ou a protección en materia de saúde laboral”.

Un modelo fracasado que non cambia

En definitiva, o PLADIGA 2026 mantén conxelado o persoal público da Xunta, incrementa a dependencia de medios externos e afonda nun modelo atomizado “e que xa demostrou as súas graves eivas que pon en risco ao persoal e á sociedade galega”.

Neste contexto, a CIG-Autonómica reitera a necesidade dun servizo de incendios forestais 100% público, profesionalizado e único, con igualdade de condicións laborais e salariais “e que non dependa de quen te contrata e que, en definitiva estea a altura dos riscos que afronta Galiza”.