O Pleno do Concello da Coruña aproba a moción de apoio á proposta da CIG para a industria electrointesiva

O secretario xeral critica que se siga excluíndo á CIG das mesas técnicas sobre o futuro deste sector

A Coruña -

O Pleno do Concello da Coruña aprobou esta tarde a moción de apoio á proposta que a CIG está a impulsar para a creación dunha tarifa para a industria electrointensiva máis xusta e predicíbel e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias.  O debate da moción coincide na xornada coa reunión da Mesa Técnica creada en Madrid, na que está presente o Ministerio de Industria, o Goberno galego e asturiano, a dirección de Alcoa e as centrais sindicais españolas, e da que a CIG foi expresamente excluída por non ter asinado o acordo para o ERE de extinción.

O texto da moción foi defendida pola concelleira do BNG, aínda que a CIG deu traslado do documento a todos os grupos políticos, e finalmente recibiu o apoio da Marea Atlántica, PP e BNG, mentres que o PSOE se abstivo. Unha moción similar foi aprobada o pasado 28 de febreiro polo Pleno do Concello de Arteixo.

A través desta iniciativa, que a central sindical presentou en todos os Concellos onde están asentadas este tipo de industrias, tamén se fai un chamado ás corporacións municipais para que insten o Goberno galego e o Goberno español a que se constitúa unha Mesa de Traballo na que estean presentes todos os sectores afectados, sen exclusións e transparente, para desenvolver o estatuto da industria electrointensiva. Así como urxir o Goberno español a que aprobe, na maior brevidade posíbel, a regulación completa dun marco enerxético estábel para esta industria.

A CIG reclama a súa presenza nas mesas sobre a industria electrointensiva

Precisamente, este luns tivo lugar reunión desa Mesa Técnica na que, segundo as informacións aparecidas na prensa, o Goberno español non presentou aínda o borrador para o estatuto das industrias electrointensivas, nin explicou as liñas nas que se baseará este documento e nin sequera abordou outras cuestións como as axudas de compensación por CO2. Isto a pesar das expectativas xeradas por Pedro Sánchez durante a súa visita á Coruña e de que a posta en marcha de medidas para reverter a grave crise industrial deste sector segue a estar condicionada pola contra atrás para evitar a execución dos despedimentos na fábrica de Alcoa, que remata o 1 de xullo, e polo ERTE aplicado por Ferroatlántica nas plantas de Sabón e Cee.

Unha vez máis, a CIG quedou excluída deste foro, malia ter solicitado a súa presenza en reiteradas ocasións, atendendo a súa condición de sindicato máis representativo, de ser a primeira forza sindical en Galiza e a primeira na industria electrointensiva. Ademais, apunta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "somos a única organización sindical que ten, dende hai meses, unha proposta para este tipo de empresas".

Porén, Carril lembrou que a CIG está sistematicamente excluída das mesas institucionais existentes sobre este asunto, tanto da que naceu en outubro con ocasión do conflito de Alcoa (e na que o secretario xeral de Industria e Pemes asegurou que a central galega sería incorporada), como na que existe na actualidade sobre a industria electrointensiva.  Por iso, Carril cualificou a actitude do Ministerio de "profundamente sectaria, antidemocrática, inxusta e irrespectuosa cos miles de traballadoras e traballadoras a quen a CIG representa" e reivindicou non só a presenza da CIG en calquera foro no que se debate sobre o futuro do sector, senón a concreción inmediata de medidas para .

Concentración na fábrica de Ferroatlántica Sabón

A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro xoves 28 de marzo, as 17:30 horas, diante da fábrica de Ferroatlántica de Sabón, dando continuidade así ao calendario de mobilizacións que a central está a desenvolver para urxir dos Gobernos solucións definitivas para a industria con grandes consumos enerxéticos e evitar o peche de empresas e a destrución do postos de traballo.

Volver