O PP pretende impor un "pin informativo" para limitar o dereito de información do que pasa na sanidade pública

CIG-Saúde critica que a Consellaría se preocupe máis por facer campaña que pola calidade asistencial
- 31 Xan 2020

A Federación de Saúde da CIG denuncia que a Consellaría de Sanidade vén de iniciar a campaña política do Partido Popular remitíndolle aos centros sanitarios unha instrución que limita o dereito de información sobre o que acontece na sanidade pública. Consideran que resulta lamentábel "que a maior preocupación da Consellaría de Sanidade sexa, como recolle a instrución emitida, que os carteis que se publiquen informando da situación da sanidade poidan favorecer a determinadas formacións políticas que non sexa o PP".

Porén, salientan, da censura que pretenden impor nos centros públicos quedan excluídas todas as organizacións que fagan campaña a favor do Partido Popular e da súa ideoloxía. Así como toda a publicidade que defenda os beneficios da sanidade privada.

Desde CIG-Saúde lémbranlle á Consellaría de Sanidade que, como Administración Pública, o seu traballo "é ofrecer unha sanidade pública de calidade, que iguale e protexa a todas as persoas fronte á enfermidade; que permita que as/os profesionais poidan exercer o seu  traballo en condicións dignas;  e que remate dunha vez coa precariedade laboral".

A este respecto, critican que o Partido Popular, intencionadamente, utiliza as denuncias contra a súa política sanitaria como se foran críticas contra as/os profesionais, "cando o único que desprestixia o traballo destas/es son as medidas que implementa o seu goberno".

Por iso, adiantan que, fronte á censura, a central sindical seguirá  informando e denunciando a política sanitaria do PP "que só provoca un incremento do sufrimento das persoas. Isto non é denigrar nin o sistema nin as/os profesionais. Reiterámoslle ao PP e á Consellaría que non nos van amordazar, non imos deixar de informar, denunciar e reclamar os dereitos das persoas a ter unha sanidade pública, de calidade e universal e sen precariedade laboral".

Dúas faixas na Mariña, censuradas

Ao pouco de remitirse á instrución, a Xerencia do Hospital da Mariña xa aplicaba a censura retirando dúas faixas. Unha da xunta de persoal en contra da supresión da área sanitaria da Mariña e outra denunciando a supresión dun TES (Técnico/a Emerxencias Sanitarias) na ambulancia medicalizada.