O PP renuncia a unha tarifa eléctrica galega

Rebaixou a ILP presentada pola CIG a unha lei pola eficiencia enerxética

Nacional -

O PP transformou definitivamente a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) por unha tarifa eléctrica galega, impulsada pola CIG, nunha lei pola eficiencia enerxética. O partido de Núñez Feijóo considera que é “separatista” reclamar unha tarifa diferenciada para Galiza, mais defende sen problema a tarifa industrial vasca, non só no Estado español, senón mesmo diante de Competencia da Unión Europea.

Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que “Feijóo, cando ten competencias non as exerce e cando non as ten, non as demanda”. Acúsao de “renunciar a reverter a espoliación dos nosos recursos naturais”; ter “apertas” para os directivos/as das grandes eléctricas e, porén, deixar ao pairo empresas que ven como o seu futuro “depende dunha poxa tramposa e opaca que pode pór en tea de xuízo a súa continuidade”.

Entende que esta decisión supón un “grave ataque á democracia popular” porque deixa sen efecto o contido dunha ILP que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galiza, a onde chegou con máis do dobre das sinaturas necesarias, co apoio de 50 Concellos, entre eles de seis das sete grandes cidades, e de tres Deputacións provinciais.

Asegura que Feijóo converteu o Parlamento de Galiza nun “parlamento de cartón”. Advirte que a CIG “seguirá reivindicando que as ILP sexan respectadas e defendendo que os nosos recursos revertan en beneficio do desenvolvemento económico e social de Galiza, na xeración de emprego e permitan combater a pobreza enerxética, porque nun país produtor de electricidade ningunha persoa pode pasar frío”.

Volver