O Partido Popular rexeita no Parlamento recuperar os saltos hidráulicos

Con esta decisión impide poñer a enerxía ao servizo do pobo galego

Nacional -

Os votos en contra do PP no Parlamento de Galiza impediron que saíse adiante a ILP impulsada pola CIG para recuperar para a xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos. Unha ILP que permitiría evitar o “descontrol” das eléctricas, ao tempo que posibilitaría que os custos da enerxía revertesen no desenvolvemento do noso país, tal e como explicou Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG-Industria, que foi o encargado de defendela en representación da central sindical.

Branco denunciou que, malia sermos produtores, as galegas e galegos comezaremos a aboar nas próximas factura da luz os denominados suplementos territoriais, “tarifas diferentes segundo a comunidade autónoma na que se viva”. Un incremento que afecta especialmente a Galiza, xa que teremos que pagar 38 millóns de euros, cando Euscadi vai pagar 0€ ou Madrid 2,4 millóns de euros, o que desmonta o argumento do PP de que no Estado non pode haber tarifas diferenciadas.

O responsábel de Enerxía da CIG-Industria lembrou que hai concesións que veñen do século XIX cando a Lei de Augas establece un límite de 75 anos; que o coñecemento dos expedientes de concesión está “nunha situación caótica” e que Galiza conta con 3.738 mw de potencia instalada, o 18% da potencia do Estado, pero cunha produción media, no último decenio, do 23% do Estado, ou o que é o mesmo, “case a cuarta parte da produción hidroeléctrica é galega”.

Subliñou que en comunidades como a de Aragón xa se reverteron ao control público catro saltos da conca do Ebro e insistiu en que do que se trata é de “recuperar para o público o que é público” para que Galiza conte con enerxía renovábel para aproveitala en favor do noso desenvolvemento industrial, nunha situación crítica como á que se enfronta a industria electrointensiva ou as térmicas.

Carril denuncia a desidia do PP ante a crise industrial de Galiza

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, acusou o PP de non tomar medidas, nin apoiar ningunha iniciativa para que a enerxía, “como servizo público que é, se poña ao servizo do noso desenvolvemento industrial, para favorecer a creación de emprego”. Máis ante a grave situación que hai “cando estamos a vivir o peche empresas ou están ante un futuro incerto moitos postos de traballo polos altos custos da electricidade”.

Considerou que “o PP se retrata perfectamente nesta votación e co seu voto faise evidente a responsabilidade que ten ante o dramático proceso de desertización industrial en Galiza” e denunciou que “pretenden que sirvamos submisos e resignados a que o espolio á nosa enerxía sirva para crear riqueza e traballo noutros territorios, mentres en Galiza se destrúen postos de traballo, pechan empresas e non para a emigración”.

Por iso cualificou de “indignante” que, malia isto, no canto de “poñer a enerxía ao servizo do pobo e pór freo aos intereses das eléctricas” permita que cada día “amasen máis beneficios a conta da nosa ruína”.

Volver