O PP rexeita recuperar os saltos hidráulicos para favorecer a industria galega e combater a pobreza enerxética

O secretario xeral da CIG acúsao de negarse a que reverta en benestar social e creación de emprego

Nacional -

Os votos en contra do Partido Popular impediron que saíra adiante a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola CIG, cuxa toma en consideración se debateu esta mañá no Parlamento de Galiza. Unha ILP que chegou ao Pazo do Hórreo avalada por 13.713 sinaturas, na que se contemplaba a reversión á xestión pública dos saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.

Unha ILP que permitiría evitar o "descontrol" das eléctricas, ao tempo que posibilitaría que os custos da enerxía revertan no desenvolvemento do noso país, tal e como explicou Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG-Industria, que foi o encargado de representar á central sindical na defensa da ILP.

Branco lembrou que esta Iniciativa segue o traballo iniciado coa ILP defendida en maio de 2016 no Parlamento, que fora tomada en consideración por unanimidade de todos os grupos, con anterioridade. E que pretendía “garantir a enerxía como servizo público e combater a pobreza enerxética”, mais que tivo o “triste mérito de ser a que máis tempo botou de tramitación neste parlamento e o seu final non tivo nada que ver co seu principio”, lamentou.

Explicou que, porén, hai unha diferenza importante respecto a 2016 porque neste intre as galegas e galegos xa empezamos a aboar os denominados suplementos territoriais, isto é, "tarifas diferentes segundo a comunidade autónoma na que se viva". Suplementos que, denunciou, prexudican especialmente a Galiza, xa que imos pagar 38 millóns de euros, cando Euskadi vai pagar 0€, ou Madrid 2,4 millóns de euros. Un incremento que, advertiu que xa se notará na seguinte factura da luz das galegas e galegos e que deixan en evidencia a xustificación que, no seu día, deu o PP para mudar a ILP por unha tarifa eléctrica galega, que foi, daquela, que no Estado non pode haber tarifas diferenciadas.

A auga, un ben público

Diante desta situación, o responsábel de Enerxía da CIG-Industria considerou que, por iso é máis necesaria aínda esta ILP. Máis tendo en conta que a auga é un ben público pero "non hai sentimento social nin político de que as infraestruturas nos ríos tamén son obrigatoriamente públicas, con xestión privada, pero públicas" e que hai concesións que veñen do século XIX cando a Lei de Augas establece unha límite de 75 anos.

Branco denunciou que nunca se acometeu a necesaria reversión destas instalacións e que o coñecemento dos expedientes de concesión está "nunha situación caótica". Lembrou ademais que a construción das centrais hidráulicas respondeu ao modelo investimento-concesión de augas, polo cal as empresas privadas tiñan un tempo para recuperar o seu investimento.

Neste sentido explicou que a grande maioría desas concesións foron dadas cando a retribución da produción hidroeléctrica estaba fixada polo goberno central no denominado Marco legal e Estable, mais que iso mudou ao aprobarse, no ano 1997, a primeira lei do sector eléctrico que fixo que, desde aquela, a súa retribución xa dependa do mercado maximalista (pool), favorecendo que as eléctricas tiveran o que denominou como "hiperbeneficios".

Galiza produce o 23% do Estado

Fernando Branco asegurou que Galiza conta con 3.738 mw de potencia instalada, o 18% da potencia do Estado, pero cunha produción media, no último decenio, do 23% do Estado, ou o que é o mesmo, "case a cuarta parte da produción hidroeléctrica é galega".

Por iso demandou a reversión á xestión pública dos aproveitamentos hidroeléctricos, e solicitou a toma en consideración desta Iniciativa Lexislativa Popular, tendo en conta que, se puideron recuperalos para o sistema público noutras comunidades, como en Aragón, onde xa se reverteron ao control público catro saltos da conca do Ebro, tamén se pode facer aquí.

Unha "recuperación para o público do que é público" para que Galiza conte con enerxía renovábel para aproveitala en favor do noso desenvolvemento industrial, nunha situación crítica como á que se enfronta a industria electrointensiva ou as térmicas.

PP en contra

Porén a ILP non saíu adiante porque, aínda que a oposición en pleno manifestou o seu apoio, cando chegou a quenda do PP, a deputada Marta Nóvoa, a emprendeu a berros atacando primeiro as intervencións de todos os grupos e despois ao representante da CIG. Escudouse en cuestións técnicas para xustificar o voto negativo do seu grupo, acusou aos demais de “demagoxia”, e fronte a demanda da CIG de control público da enerxía reclamou “eficiencia”.

Fronte a isto, na súa quenda de réplica, Branco agradeceu o voto favorábel do BNG, En Marea, Común de Esquerda e PSOE e acusou ao PP de estar actuando “contra os intereses do pobo galego”. Afirmou que “as decisións políticas non poden tomarse en función de criterios técnicos”, recomendou á deputada que revisara varios artigos da lexislación para que comprobara quen recorre realmente á demagoxia e dirixíndose á bancada do PP afirmou que “van votar en contra, pero non van deter a historia”, insinuando que se esta ILP non se aprobou hoxe, aprobarase cando o Partido Popular non estea á fronte do goberno galego.

Carril denuncia a desidia do PP ante a crise industrial que padece Galiza

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tamén  manifestou a súa indignación diante do voto en contra do PP. Acusouno de  non tomar medidas, nin apoiar ningunha iniciativa, para que a enerxía, “como servizo público que é, se poña ao servizo do noso desenvolvemento industrial, para favorecer a creación de emprego” e considerou esta negativa a apoiar a ILP máis grave aínda “ante a grave situación industrial en Galiza, cando estamos a vivir o peche de empresas ou están ante un futuro incerto moitos postos de traballo polos altos custes da electricidade”.

Para Carril “o PP retrátase perfectamente nesta votación e co seu voto faise evidente a responsabilidade que ten ante o dramático proceso de desertización industrial en Galiza”. Por iso denunciou que “pretenden que sirvamos submisos e resignados a que o espolio á nosa enerxía sirva para criar riqueza e traballo noutros territorios mentres en Galiza se destrúen postos de traballo, pechan empresas e non para a emigración”.

Lembrou que desde Galiza subministramos enerxía eléctrica para o Estado español, soportamos grandes custes sociais e ambientais, neste caso polos saltos hidráulicos, pero “a postura do PP é negarse a que esta realidade de produción eléctrica reverta para o noso benestar social e para a creación de emprego e industria”. Cualificou de “indignante” que malia isto, no canto de “poñer a enerxía ao servizo do pobo e pór freo aos intereses das eléctricas” permita que cada día “amasen máis beneficios”.

Para o secretario xeral da CIG “non valen os discursos fraudulentamente críticos do PP co que fai e desfai o Goberno do PSOE en Madrid. Non valen os golpes no peito ante o desastre industrial que hai en Galiza cando como Goberno Galego tendo competencias e podéndoas exercer non quere exercelas”. Por iso advertiu que desde a CIG “non imos parar de seguir tomando iniciativas, de loitar para que non pechen as nosas fábricas, nin máis xente viva na pobreza enerxética, polos altos prezos da enerxía”.

Volver