O PP vota contra unha proposición non de lei na defensa do emprego en Galicia Téxtil

Instaba a Xunta a persoarse na impugnación do ERE e revisar a concesión que ten a empresa

Neda -

A representación sindical das traballadoras/es de Galicia Téxtil acudiu hoxe ao Parlamento galego con motivo do debate e votación dunha proposición non de lei instando a Xunta a persoarse no proceso de impugnación do ERE e a revisar a concesión que a empresa ten da presa do Rei, se segue sen comprometerse co mantemento do emprego.

A PNL, presentada polo grupo parlamentar do BNG na comisión de Industria, recibiu o voto negativo do PP que, unha vez máis, amosa que cando ten que tomar partido nun conflito "sempre o fai a favor dos intereses das empresas e contra dos intereses dos traballadores e das traballadoras".

Falta de compromiso co emprego

Neste senso, a representación do persoal (UGT e CIG) critica que o PP se escude en "discutíbeis argumentos xurídicos" para non apoiar a proposición, deixando ás claras a súa incompetencia e falta de compromiso para o mantemento do emprego en Galiza e nomeadamente na comarca de Ferrolterra.

Na proposición instábase ao Goberno da Xunta a exercer as súas atribucións como autoridade laboral e persoarse no proceso xudicial de impugnación do despedimento colectivo aplicado de xeito unilateral por Galicia Téxtil. E ao tempo, "a condicionar a concesión do aproveitamento hidráulico da Presa do Rei no río de Xuvia, a día de hoxe titularidade da empresa Galicia Téxtil, ao mantemento do emprego, renunciando á aplicación unilateral do ERE e acordando coa parte social e a Xunta de Galiza un plan de viabilidade da empresa.”

O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Francisco Cartelle,  subliña que este é un claro exemplo de como os gobernos teñen cedido a explotación dos recursos naturais ao sector privado para o seu beneficio sen esixir a cambio ningún condicionante para garantir o mantemento do emprego e sen que exista ningún tipo de control por parte da administración. "En definitiva unha clara mostra da apropiación do público por parte do privado", advírtese nun comunicado conxunto.

Participación na folga comarcal do 10 de marzo

O persoal de Galicia Textil, tendo clara a indiferenza do goberno do PP, seguirá a mobilizarse na defensa dos seus postos de traballo e do tecido produtivo e pedirá a nulidade da decisión extintiva no xulgado. Así, participarán na Folga Xeral convocada na comarca de Ferrolterra o dia 10 de marzo e acudirán con pancarta propia á manifestación que terá lugar nese mesmo día.

"O despedimento colectivo de Galicia Téxtil é o paradigma da decadencia industrial da comarca de Ferrol polos moitos anos que ten a fábrica e polo paulatino deterioro e abandono que vén sufrindo por parte dos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza".

Volver