O precariado, clase social ou división ficticia da clase traballadora?

Vidal Aragonés - 05 Abr 2016

O autodefinido precariado non é unha clase, nin sequera unha capa dentro dunha clase. Mesturar nunha soa e pretendida nova clase dous sectores separados social e economicamente como son a pequena burguesía e o proletariado constitúe un erro escolástico

Recentemente La Directa e Crític publicaban moi boas entrevistas (outra cousa son as respostas...) con Guy Standing, autor, entre outros, d’O precario. Unha nova clase social. Alén dalgunhas das perlas reaccionarias que nos regala o economista británico ("debemos aceptar a flexibilidade, non podemos volver atrás, cando había traballos estábeis vitalicios"), a centralidade do seu discurso sitúase en debuxar unha nova clase social, "o precariado": da mesmo xeito atribúe a esta suposta nova clase un carácter revolucionario e identifica a clase traballadora como sinónimo de estabilidade laboral. Diferentes sectores progresistas e mesmo anticapitalistas abrazaron o referido concepto nos últimos anos. Non pretendemos negar o crecemento dunha realidade precaria e o seu devir maioritario en toda unha xeración nin realizar fetiche dun determinado estrato da clase obreira e a súa correspondente glorificación. O obxecto das catro ideas que desenvolvemos a continuación é discutir ao economista británico a súa formulación de precariado e o carácter revolucionario deste, así como a súa descrición do que foi e é a clase traballadora.

Unha aproximación ao concepto de clase social

 Para definir que é unha clase social, sería interesante achegarnos aos estudos de Lenin, Marx, Poulantzas e Luckács entre outros. Imos quedar coa definición de “clase” deste último por ser o que seguramente estudou máis o concepto: "unha totalidade concreta activa ou práctica dentro dun proceso histórico total dialéctico". A súa concepción da clase rexeita o grupo por niveis económicos e sitúao ao conxunto de actividades dunha serie de xente que forma parte da totalidade. Para Luckács as clases son unha realidade diferente ás dos seus propios compoñentes que se manifesta nun determinado momento e nun lugar concreto. Así mesmo considera que as clases son realidades activas (se non, non son clases) nun proceso histórico total dialéctico como forza social histórica, como motor da historia.

 Máis aló de definicións é máis práctico analizar outra serie de elementos que nos acheguen á significación de clase social. Estamos ante forzas sociais, non grupos nin estatísticas. Non se poden limitar a nivel económico senón ás súas causas e efectos na sociedade. As clases non son grupos profesionais ou económicos pero quedan determinadas polo modo de produción. Tamén dependen da loita de clases e a combinación desta cos modos de produción permitiranos identificalas. Así, a clase traballadora caracterízase pola necesidade de vender a súa forza de traballo e por non posuír os medios de produción. Dito isto, cómpre diferenciar distintas capas dentro da clase traballadora, así como distintos bloques históricos dos que pode formar parte.

 A clase traballadora non pode identificarse con home, autóctono, obreiro fabril, con afiliación sindical e militancia de esquerdas. Non se pode analizar a clase traballadora sen os cambios e modificacións que a transformaron e continúan a transformala; non podemos identificar clase traballadora con pobreza e duras condicións de traballo e tampouco (como defende Standing) con estabilidade laboral e económica.

Que é o precariado na definición de Standing?

 Nos textos de Standing é difícil atopar unha definición pechada do precariado: o que lemos é unha serie de xeneralidades das que se pode inferir o concepto.

 En primeiro lugar, debemos criticar a visión e construción que fai o británico da clase traballadora (“Para o vello proletariado, a norma era o traballo estábel. E máis importante que esta temporalidade é que non teñen unha identidade profesional”), xa que nunca abundaron postos de traballo estábeis, boas condicións laborais, alta sindicación e transmisión dos postos de traballo de pais a fillos. As condicións que acabamos de mencionar serían relativas á aristocracia obreira, estrato da clase traballadora existente nun determinado momento histórico, e só nalgunhas zonas do planeta. Mais esta realidade representa unha porcentaxe moi minoritaria; nada que ver coa realidade do conxunto da clase.

 O economista británico inclúe na definición de precariado: "A primeira clase da historia que ten un nivel educativo máis elevado que o que require o traballo remunerado que se lle ofrece", cando, curiosamente, isto en Europa occidental xa hai tres décadas que sucede entre os fillos e as fillas da clase traballadora. O que si chama a atención é que Standing o denuncie cando tamén o está sufrindo a pequena burguesía e non só sectores da clase traballadora. Cando a maioría do precariado é indubidabelmente clase traballadora, dános a sensación de que só persegue facer desaparecer o referencial desta clase e enfrontar os seus compoñentes entre eles facendo que pertenzan a unha nova realidade que os diferencia entre si.

 O segundo elemento determinante da definición de Standing “é que ten diferentes relacións de distribución, é dicir, que ten que depender, case completamente, dos salarios monetarios. Non ten acceso a ningún capital, como si teñen outros grupos, non ten acceso a beneficios alleos ao salario, que poderían modificar o seu traballo. Non ten pensións, non ten vacacións pagas, non ten sanidade paga”. Evidentemente a falta de acceso ao capital e o vivir de vender a forza de traballo é unha das esencias de clase traballadora pero curiosamente, na actualidade, algúns deses autónomos aos que Standing define como precariado si teñen acceso ao capital e contratan á súa vez a outros. Polo que respecta ás vacacións, a sanidade ou as pensións, é algo que nalgúns Estados aínda se mantén como titularidade mesmo dos máis precarios e noutros nunca o foi, nin tan sequera entre sectores de autónomos ou de clase traballadora. Non é algo, xa que logo, que sexa determinante de precariedade.

 A terceira cuestión que utiliza Standing é esta: “esta é a primeira vez na Historia en que unha clase social emerxente está en proceso de perder dereitos que foron adquiridos por cidadáns do pasado. É unha transformación extraordinaria. Están perdendo todas as formas de dereitos: civís, culturais, económicos, sociais e políticos. Isto non ten precedentes”. En primeiro lugar trátase dun visión moi eurocéntrica, xa que, por poñer dous exemplos, en América do Sur (Bolivia, Ecuador, República Bolivariana de Venezuela) e en China adquiríronse dereitos nos últimos 15 anos, aínda que no resto do mundo non foi esta a tendencia. Do mesmo xeito, na historia houbo outros momentos que o xurdimento da clase traballadora non se construíu sobre a obtención de dereitos senón sobre a perda destes. Seguramente a expulsión de zonas rurais do pequeno campesiñado e o seu traslado ás grandes cidades respondeu a esta realidade.

Precariado, clase ou proceso basculante?

 Tamén nos di Standing: "Unha das cuestións é que, se formas parte do precariado, non tes unha identidade ocupacional, unha narrativa ocupacional"; "Caracteriza a falta de apoio comunitario ou de prestacións estatais"; "Emprego inestábel", "O precariado sitúase por baixo da clase obreira". No precariado podemos atopar desde médicos até inmigrantes sen permiso de traballo; debemos entendelo como un colectivo caracterizado pola inestabilidade laboral e pola falta de prestacións do Estado, segundo este autor.

 Así pois, a do precariado é unha expresión interclasista que pon no mesmo saco o bolseiro ("falso bolseiro") de orixe pequenoburguesa que se está formando como adxunto de dirección e á limpadora a tempo parcial. Ou o que é o mesmo: o Xefe e a explotada na mesma clase, “dúas clases nunha” porque este precariado está formado tanto por sectores proletarios como pequenoburgueses. En canto ao primeiro, participan os sectores máis explotados e con menos dereitos da clase traballadora; o pequenaburgués responde a unha proletarización de determinadas profesións e a un carácter temporal dun tránsito na construción dunha carreira profesional, todo iso segundo o economista británico.

 Porén, se analizamos esta realidade con máis profundidade e percorrido, veremos que finalmente o segundo grupo pasará a formar parte da clase traballadora ou da pequena burguesía pero, de momento, está nun simple tránsito no que coincide con certos sectores obreiros pola falta de estabilidade pero non polo contorno social, a realidade familiar e/ou a relación que mantén cos medios de produción. O autodefinido precariado non é unha clase, nin sequera unha capa dentro dunha clase. Mesturar nunha soa e pretendida nova clase dous sectores separados social e economicamente como son a pequena burguesía e o proletariado constitúe un erro escolástico. Dividir como dúas clases que son fraccións da clase traballadora, aristocracia obreira e o resto, é simplemente perverso.

 O precariado non é máis que unha expresión dun tipo de organización do traballo natural do capitalismo que se foi ampliando a sectores profesionais (a falta de recoñecemento de relación laboral, a temporalidade, os baixos salarios... é a base do sistema). Curiosamente, ademais, son as estratexias que o economista británico recomendaba aos sindicatos as que achegan a Europa Occidental a este escenario de precariedade xeneralizada.

Precariado, clase revolucionaria, ou entre o progresismo e a reacción?

 A situación transitoria e basculante de boa parte do que se denomina precariado, así como a súa propia natureza de inestabilidade, é o que priva a este grupo social dun carácter revolucionario. Outra cousa é que estes sectores, en momentos de polarización social, unan as súas loitas as do conxunto dos traballadores e traballadoras nun destino común. En calquera caso, debemos lembrar que, historicamente, a pequena burguesía nunca tivo unha posición política autónoma e sempre se moveu entre a dereita e a esquerda. É isto o que fai máis necesaria unha intervención política para conseguir que quen está sufrindo condicións de vida de precariedade vexa que os seus intereses son comúns aos da clase traballadora. En caso contrario, uns sectores orientaranse á esquerda e outros ao populismo liberal ou á extrema dereita, nada que ver cunha clase revolucionaria.

 Acabando e para resumir, poderiamos afirmar que o que Standing chama nova clase é apenas un grupo social froito dun determinado proceso histórico no que converxen tres aspectos chave: un baixo nivel de conciencia da clase traballadora, unha mingua nas condicións materiais da pequena burguesía e unha organización do traballo postfordista.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras Tanto’, do 31 de marzo de 2016]