O primeiro día de folga en EMESA para esixir o pago dos salarios rexistra un seguimento do 100%

O persoal continuará co paro e as mobilizacións durante o xoves
Coirós - 19 Dec 2018

A primeira das dúas xornadas de folga convocadas en Elaborados Metálicos EMESA (pertencente ao Grupo Soil) para esixir o abono dos salarios adebedados, está a rexistrar un seguimento do 100%, xa que non entrou a traballar nin o persoal do taller nin o das oficinas.  A empresa ten pendente de pagar a todo o persoal a nómina de novembro e a paga extraordinaria de nadal e, ademais, aos operarios/as de montaxe adebédalles as horas extraordinarias dende hai case seis meses.

Así, as instalacións de EMESA no parque empresarial Coirós amencía hoxe coas portas pechadas, a actividade totalmente paralizada e cos traballadores e traballadoras concentrados diante da fábrica para esixir ao Grupo Soil que proceda ao pago inmediato da nómina de novembro, da paga extra de nadal e das horas extraordinarias que o persoal de montaxe ten pendente de cobrar dende o mes de xuño.

O comité critica que malia o éxito da folga, a empresa nin efectivizou o pago dos salarios nin se puxo en contacto coa representación social para informar de cando vai pagar. "Os ánimos do persoal están exaltados ante tanto incumprimento e por iso mañá, xoves, volveremos ir á folga e concentrarémonos outra vez diante da fábrica", advirte Alberto Muíño, presidente do comité.

Explica que o atraso no pago dos salarios vén sendo algo habitual dende o verán, pero nunca se demorara tanto como neste mes. Neste senso, apunta que dende o comité déuselle de prazo á dirección até onte martes para que efectivizara o abono, pero este non se produciu. "Dixéronnos que tiñan intención de pagar antes do nadal, pero como nunca cumpren o que din, xa non nos fiamos e por iso convocamos dúas xornadas de folga", asevera.

Pedidos por valor de 35 millóns de euros

Muíño critica tamén que por parte do Grupo Soil non se ofrecen garantías sobre a actividade de EMESA "e cada vez que preguntamos pola situación da fábrica, a empresa négase a presentarnos un plan de futuro, o que resulta chocante tendo en conta que hai unha carteira de pedidos por valor de 35 millóns de euros".

Así as cousas, de non producirse o pago dos salarios de inmediato, o persoal estudará mañá mesmo as novas medidas de presión a realizar, non descartando a convocatoria de máis xornadas de folga.