A proposta salarial estatal de Función Pública condena o persoal a perder poder adquisitivo
A CIG-Administración denuncia que que a proposta salarial achegada onte polo Ministerio de Transformación Dixital e para a Función Pública condena o persoal a unha perda de poder adquisitivo real, ademais de impedir a recuperación de dereitos.
Dende a central sindical explican que o Goberno español oferta un incremento salarial do 11% entre 2025 e 2028, pero condicionado a un reparto que implica perda de poder adquisitivo: un límite do 4% acumulado en 2025-2026, que na práctica supón un 2,5% retroactivo para este ano e só un 1,5% en 2026. “O propio Executivo admite que esa distribución suporía perder capacidade de compra o próximo ano, algo inaceptable”.
Mentres tanto –critica a CIG- as organizacións estatais falan de “melloras” en permisos, MUFACE, clasificación profesional ou promoción interna. “Mais a realidade é evidente: o chamado ‘Acordo Marco para unha Administración do século XXI’ quedou en nada; nin modernización, nin reforzo de persoal, nin recuperación de dereitos. Un fracaso total, hoxe exposto con máis claridade ca nunca”.
De igual xeito, o propio proceso negociador supón un “desprezo” ás mesas de negociación por parte do Ministerio, “que mantén un modelo de negociación pechado, excluínte e inútil, no que nin sequera se permite a participación da CIG”.
Polo que na central sindical censuran que a chamada “negociación salarial 2025-2028” -á que a CIG non nin foi convocada- é a enésima demostración de que estas mesas estatais non teñen como finalidade acordar melloras reais, senón lexitimar decisións xa tomadas polo Executivo e aplicalas cun verniz de diálogo social. “Reducen o diálogo social a un círculo pechado entre o Goberno e as centrais estatais, excluíndo deliberadamente as organizacións sindicais maioritarias en Galiza e Euskal Herria”.
Neste senso, sinalan que a insistencia en pechar o acordo xa este luns deixa claro que o Executivo non procura negociar, “senón lexitimar unha decisión previamente tomada, un auténtico cheque en branco para poder anunciar a alza salarial antes de decembro, introducíndoa de maneira retroactiva como un acto de xenerosidade gobernamental, cando non é máis que un movemento de presión”.
E sosteñen que os sindicatos estatais están a ser obxecto dunha chantaxe explícita, “xa que ou aceptan a proposta ou o Goberno manexa a alternativa de non aplicar ningunha suba en 2025, deixando calquera mellora futura en mans duns Orzamentos Xerais do Estado que probablemente nin sequera verán a luz”.
Inmobilismo e propaganda
En consecuencia, a CIG insiste en que non aceptará acordos que consoliden perdas nin repartos feitos “á medida” dun Goberno central instalado no “inmobilismo” e na “propaganda”. Até o punto de que a negociación estatal converteuse nun mecanismo pensado para lexitimar decisións do Executivo, non para defender as persoas traballadoras. “A súa función real é dar aparencia de diálogo ao que non é máis que un pacto pechado entre elites sindicais e ministeriais”.
E o que consideran aínda máis grave: aínda excluíndo a CIG deliberadamente o resultado demostra que a negociación non vale para nada cando se limita a aceptar ou rexeitar un modelo xa definido polo Executivo. “Sen pluralidade sindical, sen equilibrio de forzas e sen vontade de negociar, esas mesas son un espazo baleiro”.
Finalmente, dende a central sindical reafirman que a verdadeira negociación debe partir da representación real e do respecto á legalidade, comezando polo dereito básico a participar nas mesas. “Sen isto, os procesos participados polos sindicatos estatais seguirán sendo negociacións inútiles que só serven para avalar políticas que van en contra da clase traballadora”.