O pulso entre China e os Estados Unidos marca o ocaso da globalización unipolar

Carmen Parejo Rendón - 06 Xun 2025

China, a través do seu propio modelo político, logrou acumular poder produtivo e financeiro, resistir as imposicións das metrópoles e construír un espazo propio de desenvolvemento. E, aínda que esta viraxe non signifique a abolición da explotación capitalista nin a plena realización do socialismo, si demostra que a dependencia pode transformarse en ferramenta para resistir a subordinación imperialista

 As tensións comerciais entre os Estados Unidos (EUA) e China seguen escalando sen tregua. Mentres o presidente estadounidense, Donald Trump, segue aferrado a unha chamada co seu homólogo chinés, Xi Jinping, intensifica a súa aposta pola desestabilización rexional, ameaza coa militarización a través de Corea do Sur e con accións en puntos quentes como Taiwan.

 A retirada de visados a estudantes chineses completa este patrón de agresividade que combina coerción diplomática e hostilidade académica. Pero, en realidade, a postura de Trump non reflicte unha posición de forza, senón que manifesta, unha vez máis, a crecente debilidade da hexemonía estadounidense.

 As manobras de Trump evidencian a decadencia dos EUA como potencia hexemónica. O seu proteccionismo económico, cultural e tecnolóxico é só a resposta dun país atrapado no seu propio declive. Dunha banda, os aranceis e a retórica nacionalista; da outra, a fractura do seu poder brando, con universidades —antes símbolos inequívocos de atracción global— convertidas hoxe en campos de disputa. O medo á competencia tecnolóxica e científica de China —visíbel na intelixencia artificial e as telecomunicacións— é a faísca que alimenta esta escalada.

 As manobras de Trump evidencian a decadencia dos EUA como potencia hexemónica. O seu proteccionismo económico, cultural e tecnolóxico é só a resposta dun país atrapado no seu propio declive.

 Pero, máis aló, estamos ante unha crise estrutural do capitalismo contemporáneo, onde as potencias centrais buscan saídas a través da expansión, a guerra e a apropiación de recursos alleos. Se observamos as políticas tanto de republicanos como de demócratas, vemos como se foi replicando este mecanismo durante todos estes anos. A militarización en Asia-Pacífico e a imposición de aranceis forman parte desta mesma estratexia: preservar a supremacía do capital estadounidense.

 Estas tensións, polo tanto, non son só unha disputa bilateral, senón a expresión dunha crise máis complexa, ou o que Trump e Vance chaman "o fracaso da globalización".

 Non esquezamos que a globalización, lonxe de ser un proceso natural, foi a resposta do capitalismo a outra crise: a de rendibilidade dos anos 70 e 80. A deslocalización, a externalización de custos e a reconversión das metrópoles en centros financeiros e de consumo foron a resposta. Foi así como se consolidou un mundo onde a riqueza flúe desde a periferia manufactureira ou exportadora de materias primas cara ao centro financeiro global.

 Esta estratexia, que permitiu ás elites imperialistas soster a súa hexemonía durante décadas, tamén significou a semente da súa crise estrutural. As economías do Norte Global transformáronse en centros de consumo sen base produtiva, deixando a millóns de traballadores fóra de xogo. Segundo datos do Bureau of Labor Statistics, entre 2000 e 2020, os EUA perderon preto de cinco millóns de empregos industriais.

 O ascenso de China, igualmente, debe interpretarse neste marco histórico e económico. Segundo o Banco Mundial, o xigante asiático pasou de representar un modesto 3% da produción manufactureira global en 1990 ao 28% en 2020. Con todo, este crecemento non foi un simple resultado mecánico da lóxica imperialista.

 Aínda que a burguesía imperialista occidental viu en China un "taller mundial" para soster as súas taxas de ganancia, o Partido Comunista Chinés soubo aproveitar esta apertura para reconfigurar a inserción do seu país na economía global. Nese sentido, a dirección política non se limitou a aceptar pasivamente a lóxica de deslocalización, senón que a subordinou a un proxecto nacional de transformación social.

 A miopía do imperialismo foi evidente. Cando os EUA asinaron acordos con China durante a era de Deng Xiaoping, ignoraron que este non era un monicreque como os que estaban afeitos tratar, senón un revolucionario marxista chinés cunha traxectoria destacada na Longa Marcha e no proceso de transformación do seu país.

 China non era un país calquera do Sur Global, senón unha nación cunha dirección política xurdida dunha revolución popular, con raíces históricas e un proxecto de emancipación nacional que, aínda que adaptado ás circunstancias, seguía orientado á construción dun socialismo con características propias.

 Así, o que parecía un triunfo imperialista —a conversión de China nun apéndice produtivo— converteuse no xerme dun novo polo de poder que, sen deixar de estar inserido na economía capitalista global, empezou a disputar a hexemonía imperial.

 China, a través do seu propio modelo político, logrou acumular poder produtivo e financeiro, resistir as imposicións das metrópoles e construír un espazo propio de desenvolvemento. E, aínda que esta viraxe non signifique a abolición da explotación capitalista nin a plena realización do socialismo, si demostra que, baixo determinadas condicións políticas e históricas, a dependencia pode transformarse en motor de desenvolvemento interno e en ferramenta para resistir a subordinación imperialista. Unha lección que traspasou as fronteiras da República Popular.

 A resposta non virá das promesas de protección do gran capital, sostido en discursos chovinistas de potencias decadentes que buscan confundir a clase traballadora, senón da resistencia e a construción dunha nova orde desde os pobos do Sur Global.

 E así chegamos ao agora: mentres Washington pecha portas, os BRICS constrúen proxectos de cooperación non só no ámbito económico, senón tamén no plano educativo e cultural, que desafían a hexemonía occidental. Escolas de verán conxuntas, acordos entre institucións de cine e diplomacia e programas de intercambio científico alimentan un modelo alternativo de relacións internacionais e unha narrativa cultural emancipadora. Fronte ao illacionismo de Washington, o Sur Global tece redes cada vez máis sólidas.

 O que vivimos hoxe é unha guerra multifactorial —económica, cultural e política— dunha potencia que non logra aceptar o seu propio declive. Algúns, seducidos pola retórica populista de Trump, veno como un gran estadista diferente aos seus predecesores demócratas. Pero uns e outros só están a confirmar, con distintos estilos, o fracaso dun sistema que devora mesmo os seus propios pobos para soster a súa hexemonía. Un sistema que, baixo a fachada hipócrita dunha suposta democracia liberal, impulsou guerras de espolio e saqueo, como o demostra o espolio de América Latina, a ocupación de Palestina ou a intervención permanente en África. Un sistema que, con discursos de "valores universais" e "dereitos humanos", xustificou a imposición de bloqueos criminais, a destrución de sociedades enteiras e o racismo estrutural no corazón mesmo das súas metrópoles. Unha adaptación do "Destino Manifesto" cada vez menos críbel.

 A arrogancia imperialista e a nostalxia colonial conviven cunha crise sistémica que xa non pode disimularse. Fronte a iso, a resposta non virá das promesas de protección do gran capital, sostido en discursos chovinistas de potencias decadentes que buscan confundir a clase traballadora da metrópole transmitindo que existen intereses compartidos, senón da resistencia e a construción dunha nova orde desde os pobos do Sur Global que sexa capaz de articular unha alternativa real a este sistema.

 Mentres a OTAN celebra con arrogancia o seu suposto poder, proclamando ter máis forza que o imperio romano ou o napoleónico —ambos finalmente caídos—, a realidade é que o mundo está a cambiar. E este cambio non só se reflicte no declive dos EUA como potencia hexemónica, senón tamén na emerxencia dun modelo alternativo de relacións internacionais que choca coa base de desenvolvemento do sistema capitalista até os nosos días.

 Unha China máis decidida, con respostas contundentes á guerra comercial e un crecente protagonismo diplomático, encarna este novo momento histórico. Por iso, o xigante asiático é, tanto para Trump como para os seus aliados da OTAN, o principal inimigo a bater.

 

[Artigo tirado do sitio web Actualidad RT, do 5 de xuño de 2025]